Que "vixía" a Xunta en Xeal?
Despois da visita “burlesca” de todas as administracións á fábrica de Cee polo “120 aniversario de XEAL”, o Comité de Empresa mantivo antonte unha reunión coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Unha reunión trala que a Xunta aseguraba que se ía manter “vixiante” para garantir o cumprimento dos compromisos, é dicir, a vinculación entre a crecente produción hidroenerxética e a decadente produción industrial de ferroaleacións.
Fai 5 anos da compra por parte dun fondo de investimento as fábricas e as instalacóns eléctricas de Ferroatlántica na comarca, nos que se teñen destruído 70 postos de traballo directos e arredor duns cen indirectos, ao que hai que engadir todo o emprego perdido nas industrias auxiliares. A produción das factorías está ao 20% da súa capacidade real, xa que só hai dous fornos operativos, e non existe un calendario de rearranque dos fornos, explicaron dende un Comité, que non entenden moi ben que significa esa “vixilancia” por parte da Xunta. “Que vixía o goberno galego cando a empresa está a todas luces incumprindo as cláusulas concesionais e as dúas sentenzas firmes?”, pregúntanse.
Por iso, valoran que a reunión só serviu para confirmar "a mofa que a Xunta fai dos traballadores e das traballadoras e da comarca enteira, en sintonía co maltrato e a incerteza permanente á que nos somete a empresa”.
Central da Ruña
A este respecto, advirten que no caso da Xunta autorizar a concesión desta central reversíbel na Ruña "será unha decisión política que deixará definitivamente segregada a actividade hidráulica e industrial". Lembran que para sortear as cláusulas de vinculación de actividades, principal garantía para o mantemento dos postos de traballo e da produción industrial, a solicitude administrativa "presentouse cun CIF distinto ao da nosa empresa, xa que se fixo a nome do fondo Feroe Ventures & Investments, que non está suxeito ás obrigas concesionais”.
Revisión da concesión
Fronte a isto, a sección sindical da CIG segue a reclamar que se poña en marcha un procedemento administrativo como o do ano 1992 e que se revisen os termos das concesións, de xeito que quede estipulado tanto o que é a actividade industrial como o número de traballadores e traballadores, en base a sentenza firme do TSXG de novembro de 2020.