O PP de Cee esixe unha maior fiscalización dos ingresos e dos gastos da piscina para poder compensar á concesionaria con exactitude
O grupo do Partido Popular no Concello de Cee esixiu a través do seu voceiro, Jesús Picallo, que o Goberno Local realice "unha mellor fiscalización dos ingresos e dos gastos que xera a piscina municipal para, desta maneira, compensar á empresa concesionaria con exactitude".
Os populares aproveitaron o último pleno para lembrar que, desde o pasado 10 de outubro do 2018, -momento no que entrou en vigor o contrato da piscina municipal na modalidade de ‘xestión interesada’- a alcaldesa, Margarita Lamela, asegurou que, a través desta forma fiscal, o Concello de Cee non tería que afrontar os 80.000 euros de custo anual que xeraba a apertura da instalación.
“Lonxe dese obxectivo, o certo é que todos os anos, temos que destinar entre 70.000 e 80.000 euros dos cartos dos veciños de Cee para sufragar as perdas que a empresa concesionaria afirma ter ao final de cada exercicio”, lamentou Picallo, quen cualificou de “ineficaz e inexistente” a fiscalización dos ingresos e dos gastos que leva a cabo o Goberno Local.
“Non é un asunto que poñamos sobre a mesa desde o Partido Popular de Cee, é un tema que denuncia a interventora municipal en todos e cada un dos informes que elabora cada ano sobre o contrato de xestión da piscina”, asegurou o portavoz popular.
Neste sentido, Picallo incidiu en que, só cun bo control dos ingresos e dos gastos da instalación, o Goberno Local poderá establecer con exactitude cada ano cal é a contía coa que debe “compensar” á concesionaria polo servizo que ofrece
“Mentres a señora Lamela non faga iso, terémonos que fiar dos datos que diga a empresa, co risco de saber se se está malgastando o diñeiro de todos os veciños de Cee”, defendeu Picallo, quen concluíu destacando a importancia de ter uns datos “saneados” que, na súa opinión, permitirían que un servizo fundamental como é o da piscina fose máis eficiente e de maior duración no tempo.