O PP de Cee pregunta pola seguridade na praia de Lires

Imaxe do dispositivo de Protec. Civil tralo afogamento na praia de Lires

O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Cee esixiu no último pleno a través do seu voceiro, Jesús Picallo, que o o Goberno Local explique os motivos polos que non informou das condicións climatolóxicas adversas que existían na praia de Lires o día que faleceu afogada unha muller de vinte e catro anos e dúas persoas máis, entre elas un neno, estiveron a punto morrer nas augas deste areal.

“A veciñanza de Cee merece unha explicación. Merece saber por que outros concellos da comarca si informaron de que non era
recomendable bañarse nalgunhas das súas praias e neste municipio a alcaldesa, cunha dos areais máis perigosos non se molestou en comunicalo”, apuntou Picallo, quen subliñou que o resto de concellos si pasaron aviso ao resto das administracións.

Lonxe de quedarse aquí, o voceiro popular cargou contra a rexedora por non ter a praia valada, por non dar ningún tipo de advertencia previa a través das redes sociais do concello sobre o perigo que podería supoñer bañarse aquel día e por non colocar nesta zona nin un só flotador.

Os populares lembraron que, nos dous últimos plenos, o seu grupo alertou do perigo que podería supoñer para a seguridade dos bañistas a decisión de non cubrir con servizo de socorristas algúns dos areais do municipio.

Neste sentido, Picallo incidiu en que, lonxe de tomar en conta a demanda dos populares, a señora Lamela asegurou que o seu executivo tivera que elixir entre cubrir os postos de socorristas ou abrir a terceira aula da escola infantil.
“Son dous servizos que non teñen nada que ver un co outro. No resto de concellos da comarca danse con independencia”, denunciou Picallo, quen acusou á rexedora de tratar de “confundir” e de “enganar” á veciñanza cun asunto de “extrema gravidade”.
“Cansámonos de dicirlle que non deixase sen seguridade as praias de Cee porque nunca sabe o que pode pasar e agora temos que lamentar que o noso municipio sexa noticia por unha traxedia”, dixo Picallo.

Medidas tardías

O voceiro dos populares aproveitou tamén para lembrar que a alcaldesa se cansou de repetir antes do verán que as praias de Cee eran seguras e non necesitaban servizo de socorristas.
“A súa irresponsabilidade continuada é unha neglixencia que custou a vida dunha persoa”, advertiu Picallo, quen lamentou que o Goberno Local non colocase antes o flotador cunha corda, algo que a alcaldesa decidiu poñer un día despois da traxedia.
Por último, o portavoz dos populares convidou á señora Lamela a facer unha profunda reflexión sobre a maneira “autoritaria de levar as rendas do Concello que ten a alcaldesa” e a escoitar máis veces as propostas da oposición.