A sección sindical da CIG en XEAL volve denunciar a inacción da dirección
O comité de empresa de XEAL volve denunciar publicamente a situación de "bloqueo absoluto" na negociación do convenio colectivo, despois de que na última reunión a dirección volvese presentar unha proposta que entende "totalmente insuficiente e inasumíbel" para o cadro de persoal.
"A empresa continúa negándose a garantir o mantemento do poder adquisitivo mediante cláusulas de revisión ligadas ao IPC, sen incorporar tampouco mecanismos reais de recuperación salarial tras anos de perda acumulada", sinalan dende a CIG. "Esta postura consolida unha situación de empobrecemento progresivo das persoas traballadoras, que levan máis dunha década asumindo sacrificios mentres a empresa incrementa os seus beneficios".
Ademais, entenden que "a nova proposta introduce elementos claramente discriminatorios, ao non garantir que a recuperación do poder adquisitivo sexa para todo o persoal en igualdade de condicións. A recuperación salarial ten que para todas as persoas traballadoras, sen excepcións nin divisións artificiais dentro do cadro de persoal. Do mesmo xeito, a valoración dos postos de traballo debe abordarse de maneira integral e equitativa, e non empregarse como ferramenta para xerar desigualdades internas".
Perda de emprego
A central lembra que "nos últimos tres anos perdéronse 84 postos de traballo en XEAL, reducíronse salarios en termos reais e deterioráronse condicións laborais. Ao mesmo tempo, a empresa recibiu máis de 30 millóns de euros en subvencións públicas e declarou beneficios medios anuais 20 millóns de euros. Esta é o gran paradoxo: mentres o persoal perde emprego e dereitos, a empresa acumula beneficios millonarios e recibe importantes axudas das administracións".
A sección sindical considera especialmente "grave" o papel da Xunta, que "está a permitir esta situación de discriminación cara ás persoas traballadoras e cara á comarca"
A sección sindical da CIG en XEAL exixe á dirección de XEAL que abandone a súa "actitude inmobilista, retire as propostas regresivas e presente unha oferta que garanta":
- A recuperación real do poder adquisitivo para todo o persoal.
- Cláusulas de revisión salarial vinculadas ao IPC.
- A eliminación dos recortes en condicións laborais.
- Un compromiso claro co mantemento e recuperación do emprego destruído.