A UDC trae un Curso de Verán sobre turismo mariñeiro, patrimonio marítimo e innovación social

A Casa da Cultura de Cee acolle os días 25 e 26 de xuño un novo Curso de Verán da Universidade da Coruña. A Facultade de Turismo organiza o curso de verán “Horizonte Azul: Turismo Mariñeiro, Patrimonio Marítimo e Innovación Social”, unha iniciativa que conta coa colaboración da CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo, no marco das accións de promoción e desenvolvemento turístico que a entidade impulsa co apoio da Deputación da Coruña.

O curso abordará o patrimonio marítimo como un recurso estratéxico para o desenvolvemento sostible dos territorios costeiros, analizando o papel das comunidades mariñeiras, as confrarías e as entidades locais na súa conservación, valorización turística e transmisión ás novas xeracións. 

A actividade reunirá a especialistas do ámbito académico, representantes institucionais e profesionais vinculados ao sector turístico e ao mundo do mar. A inauguración contará coa participación da vicerreitora de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña, Cristina Naya Riveiro; da alcaldesa de Cee, Margarita Lamela Louzán; do presidente da CMAT, José Manuel López Varela; e da directora do curso, Iria Caamaño Franco.

Entre os contidos previstos destacan mesas redondas sobre políticas públicas e cooperación empresarial no desenvolvemento do turismo mariñeiro, relatorios sobre interpretación do patrimonio marítimo, innovación social nas comunidades costeiras, o papel das mulleres do mar ou a gobernanza territorial a través dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP).

Inscrición

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición ata o 23 de xuño a través da Universidade da Coruña. O curso desenvolverase de maneira presencial na Casa da Cultura de Cee e está aberto tanto a estudantes como a profesionais e público interesado na temática.