#SemanaSanta

Xoanxo Cespón e Pepe de Olegario levan o mar costeiro a Stoupa e ao mercado La Galiciana

Pepe de Olegario en La Galiciana con Stoupa

Exportando o noso mar atópanse o artista Xoanxo Cespón e o mariñeiro Pepe de Oleghario. O ceense abre a exposición ‘Mares da Costa’, que poderá visitarse na galeria Stoupa de Cee ata o 6 de maio. Mentres, a mostra de Stoupa das cartas náuticas de Pepe de Olegario viaxan ata Compostela para lucir no mercado La Galiciana durante toda a Semana Santa.

A galería ceense organiza alí, a exposición e venda dunha selección das cartografías do mariñeiro de Sardiñeiro onde se plasman as localizacións dos naufraxios acontecidos desde o século XVIII por toda a costa galega e detallando os motivos que levaron a eses barcos a afundirse. Uns mapas de Pepe de Oleghario que se poden adquirir online na TendaQPC, e que representan un auténtico tesouro patrimonial marítimo da Costa da Morte.

Mentres, en Cee, na tenda turística, podemos ver xa ‘Mares da Costa’, exposición composta por oito cadros (acrílico sobre cartón) da serie Mares de Outono inspirados polos mares costeiros da Costa da Morte e 9 fotografías de série Terra-Auga tomadas en Fisterra e Muxía. A mostra poderá visitarse ata o 6 de maio na galería ceense.

Xoanxo Cespón é un artista multidisciplinar nacido en Cee, A Coruña, en xaneiro de 1970. Reside na actualidade en Hampshire, Reino Unido. Traballa coa pintura, a fotografía e a arte dixital. Cespón empezou a pintar aos 21 anos e desde entón a súa obra foi exposta, tanto en exposicións individuais como colectivas en diferentes espazos e galerías de diversas cidades europeas (Manchester, Londres, Amsterdam, Madrid…) así como en varias localidades da Costa da Morte, que é o territorio que máis ama e no que se inspira para boa parte do seu traballo.

Novas relacionadas