Artistas e creadores da Costa da Morte brindaron en Cee por novos proxectos para o 2019
12:11 24/12/18
Fernando Rei e Roque Rey
Como xa vén sendo habitual nestas datas, a tenda turística Stoupa de Cee celebrou este domingo o seu particular fin de ano, reunindo a máis de medio centenar de persoeiros vinculados á cultura costeira que están comprometidos co proxecto de visibilizar e poñer en valor o inmenso talento artístico dos autores da Costa da Morte. Un talento que lamentablemente é moi pouco coñecido -agás algunhas excepcións-, mesmo entre os veciños da comarca.
Ata Stoupa achegáronse artistas como Viki Rivadulla, Pepe de Olegario, Fernando Rei, María Lema, Juan Louro, Xosé Iglesias, Jorge Parri, Mercedes Barrientos, Antón Castro ou Roque Rey , ademais de amigos e clientes da tenda. Tamén asistiron representantes de innovadoras empresas locais de produtos autóctonos, así como empresarios do sector turístico.
As artistas María Lema e Viki Rivadulla
A celebración, como en anos anteriores, resultou moi animada porque non é moi habitual que poidan saludarse e compartir as súas inquedanzas profesionais, artistas e creadores das mais variadas disciplinas: pintura, artesanía, escultura, literatura, fotografía, música ou moda .
Os invitados, antes de brindar para que no 2019 Stoupa actúee de epicentro da arte, da cultura e do emprendemento da Costa da Morte, desfrutaron da colección exposta na tenda-galeria, ‘Stoupidos2018’, unha mostra conxunta de máis de 20 artistas colaboradores de Stoupa, que invita aos que a visitan a que regalen neste Nadal agasallos da terra, obras e produtos únicos, feitos na súa totalidade por autores vinculados a esta comarca.
‘Stoupidos 2018’ pode visitarse ata pasar a fin de semana de Reis, de luns a sábado de 12 a 14 horas, e de 17 a 21 horas.
https://quepasanacosta.gal/stoupa-acolle-a-exposicion-colectiva-stoupidos-2018/