As mocidades nacionalistas da Costa da Morte transmitiron o pasado domingo o seu particular e enérxico xesto de condena á violencia de xénero e a calquera forma de discriminación contra as mulleres.
Foi nun acto público presentado polo responsábel comarcal Mario Maceiras, desenvolto no Cárcere Vello de Corcubión, e á que asistiron persoas de toda a comarca. Como colofón á campaña "Que non nos paren; REVÍRATE contra a violencia de xénero" quixeron unir a faceta lúdica e a reivindicativa, mediante a proxección do filme "As mulleres de verdade teñen curvas", de Patricia Cardoso, un crudo relato sobre a loita dunha moza entre o que ela desexa facer do seu futuro e o que obrigan os tabús sociais e familiares, tras do tal se animou aos asistentes a subir ao estrado para participar no recital de poemas de Rosalía de Castro, denominado "Rosalía, nai da Galiza".
Xa por último, rematou Antía Insua, vicerresponsábel comarcal, lendo o manifesto de Galiza Nova con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, e no cal ademais de condenar calquera forma de maltrato machista a organización xuvenil do nacionalismo lamenta "os severos golpes do executivo de Feijóo a todos os logros sociais do anterior goberno bipartito". Nesa liña GZ Nova denuncia 4 puntos concretos:
Desmantelamento da rede de centros de Asesoramento Afectivo- Sexual, Quérote.
Peche das oficinas I+B e desmantelamento do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar.
Supresión do Servizo Galego de Igualdade (SGI).
Paralización total do desenvolvemento das iniciativas aprobadas na lexislatura anterior recollidas na Lei para o tratamento integral da Violencia de xénero e diminución dos orzamentos de 2011 en igualdade nun momento no que se está a incrementar o número de denuncias por malos tratos, as ordes de afastamento e mesmo os asasinatos de mulleres.
Este é o primeiro acto da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova na Costa da Morte, pero sen dúbida non será o último porque mentras haxa unha soa muller agredida nesta comarca, a loita feminista que tamén da forma ao ideario nacionalista seguirá sendo imprescindibel, segundo sinalan.
Nota de prensa da man de Antía Insua Lema, Vicerresponsábel Comarcal de Galiza Nova Costa da Morte, e de Mario Maceiras, responsábel Comarcal de Galiza Nova Costa da Morte.