Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A mocidade nacionalista da Costa da Morte móvese polo Noitebús

A mocidade nacionalista da Costa da Morte móvese polo Noitebús
Foron varios os grupos políticos que xa protestaron pola decisión da Xunta de suprimir o servizo de Noitebús. Sobre todo as zonas de marcha son as que máis van sufrir esta carencia. Así, dende Ponteceso xa protestou o PSOE, mentres que en Vimianzo e Cee son os grupos do BNG os que piden ao concello que inste á Xunta a retomar o servioz. Pero resulta que os que se poñen mans á obra a traballar son os mozos do colectivo Galiza Nova - Costa da Morte, que segue adiante coa súa intensa campaña informativa e reivindicativa contra a supresión do Noitebús. Esta pasada mañá de domingo, membros da organización na comarca instalaron unha mesa informativa e de recollida de sinaturas no Mercado de Cee, onde xuntaron en pouco tempo varios centos de apoios de entre veciñas e veciños de toda a comarca.

Gran aceptación

A campaña de Galiza Nova contou cunha aceptación masiva entre a mocidade, usuarios ou non do Noitebús, por facilitar o tránsito de miles de mozas e mozos de toda a Costa da Morte aos principais puntos de lecer nocturno do entorno dun xeito moi económico, seguro e ecolóxico. Moitos mesmo solicitaron material para distribuír entre o seu círculo de amigos. Ademais, tamén foi masiva a resposta de pais e nais, que se ben inicialmente achegábanse por simple curiosidade, axiña formaban nutridos rebumbios lamentando que este servizo poida ser anulado por recurte orzamentario. Mesmo algunha familia comparou o gasto dun ano de servizo co realizado coa recente visita do Papa.

Carteis

Como os carteis dos autobuses de QPC, o cartel de protesta de Galiza Nova xa está en moitos dos puntos onde se colle o Noitebús na Costa da Morte. O Colectivo colocou carteis e distribuiu folletos informativos entre os usuarios, ademais da consabida recollida de sinaturas. Así púidose comprobar que numerosos usuarios nin sequera coñecían que o futuro deste servizo tan importante para o seu lecer estea en discusión. Galiza Nova afirman vai continuar na súa campaña contra a supresión do Noitebús, e non só: Vai solicitar que se amplíen e melloren as rutas existentes. Porque a vida das mozas e mozos da Costa da Morte non é «cuestión de gastos», e quen así o poida entender desde unha institución pública é totalmente inconsciente do posto que ocupa.

Novo blog

Ademais acabamos de coñecer o novo blog creado para a ocasións. Dende Vimianzo chega o blog noitebus.wordpress.com, que serve para recoller sinaturas para instar ao Presidente da Xunta a manter o servizo.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

Comentarios