O BNG lémbralle, por terceiro ano consecutivo, a Patrimonio na necesidade de rehabilitar a Igrexa de San Marcos de Corcubión
O deputado do BNG pola Costa da Morte e Bergantiños, Oscar Insua, vén de insistir ante Patrimonio da Xunta sobre as reformas que necesita o templo de San Marcos de Corcubión, que presenta diversas deficiencias na cuberta e na fachada. Cuestión que xa foi posta en coñecemento o ano pasado polo parlamentario nacionalista, e que tamén foi lembrado en 2024.
O BNG volveu agora presentar unha iniciativa no Parlamento para preguntar ao Goberno galego se fixeron o informe e se ten pensado este ano realizar as obras necesarias para solucionar e financiar os problemas na igrexa corcubionesa.
E como xa fixera nas veces anteriores, a ex-directora xeral, María del Carmen Martínez comprometeuse a realizar o estudo e a tratar o asunto na Comisión Mixta Xunta-Igrexa, que actúa como órgano de asesoramento da consellería para a protección, conservación fomento e difusión do patrimonio cultural de Galiza nas cuestións que afecten exclusivamente a bens de titularidade da Igrexa Católica.
O BNG lembrou a necesidade inminente de realizar un proxecto de rehabilitación para acometer as reformas necesarias na igrexa, que segue a ter numerosas filtracións de auga na cuberta e nos seus muros, afectando ao patrimonio escultórico que hai dentro do edificio e ao reloxo da fachada.
A formación nacionalista subliñou que o 13 de maio do ano pasado tomaba posesión o novo director xeral de patrimonio cultural, Ángel Miramontes, “e ata o momento descoñecemos se levaron a cabo os compromisos adquiridos pola anterior titular do cargo en sede parlamentaria”.
Oscar Insua manifestou que “coa choiva que caeu estes meses, a situación empeorou. A Xunta do PP vai gastar millóns de euros en concertos musicais e publicidade para o xacobeo 2027, e nin un peso para o patrimonio artístico e cultural que fundamenta o xubileo e que precisa reformas, como a igrexa de San Marcos. A xente debe saber isto”.