O Concello de Corcubión convoca unha reunión informativa sobre o novo proceso de peonalización da Praza Castelao
”Foi doloroso”, recoñecía o alcalde “Drok” no marco do podcast Onda ODS realizado pola radiONeria, referíndose ao ensaio de peonalización da Praza Castelao realizado o pasado verán polo Concello de Corcubión. Porque as críticas de parte da veciñanza, intrínsecas e todos os procesos de humanización de espazos urbanos realizados en vilas e cidades do país, chegaron a ser crúas.
Con todo, o Concello corcubionés gobernado polo BNG vai “seguir adiante no proceso de recuperación de espazos para a veciñanza”, como define o edil Francisco Santiago López. Lembra que Corcubión xa viviu un proceso semellante coa peonalización dunha das rúas do Campo do Rollo, hoxe establecido como un dos espazos familiares máis agradables para a veciñanza. E valora que outros concellos como o de Vimianzo seguen apostando por esta forma de facer urbanismo.
Para dar conta da nova campaña e escoitar as peticións da cidadanía, o Concello convoca unha asemblea informativa aberta para este xoves 19 de xuño ás 20:00h na Capela do Pilar.