Un grupo de veciños de Corcubión amosa o seu "desacordo" coa posta en marcha da peonalización
Desenvólvese ata o 30 de setembro, e co esperado cruce de opinións, o ensaio de peonalización da Praza Castelao de Corcubión. Unha clara declaración de intereses do goberno do BNG, que demostra o seu compromiso por cambiar a vila, conscientes de que habería moitos veciños e veciñas que, de primeiras, se van mostrar pouco receptivos.
Non é o caso de todo o pobo, pero si existe un grupo de "40 veciños afectados pola peonalización" que queren enviar este escrito público, para amosar a súa visión sobre o proceso, solicitando máis información por parte do Concello e, sobre todo, máis prazas de aparcamento cercanas ás vivendas.
Este é o comunicado asinado por 40 veciños e veciñas:
PEONALIZACIÓN ASÍ NON!
Os veciños da praza Castelao de Corcubión, atopamos o 12 de agosto os primeros indicios de que a nosa rutina ía cambiar: Os sinais de tráfico tapados e grandes maceteiros na praza. Trala incerteza xerada pola falta de información por parte do Concello, algún veciño informouse e lle comunicaron a inmediata implantación do "proxecto peonil provisional en prácticas".
Ante tal situación, os residentes decidimos facer un escrito recollendo firmas onde amosamos o noso desacordo coa forma en que o equipo de goberno pretendía levar a cabo a peonalización.
Sen ter resposta a este escrito implántase o proxecto peonil o luns 19 de Agosto xerando malestar e indignación entre a veciñanza.
O xoves 22 unha representación dos residentes asistimos a unha reunión co Alcalde e co concelleiro de urbanismo solicitándolles a paralización deste proxecto polos seguintes motivos:
- O aumento da perigosidade ao establecer un doble sentido nun vial estreito compartido coa parada de taxis e autobuses (regular e escolar), formando parte ademáis dun tramo do camiño de Santiago; o que consideramos un despropósito.
- Non contemplaron aparcamentos para os residentes, que abonamos os correspondientes impostos; co agravante de que as vivendas desta zona carecen de garaxe e non teñen posibilidade de facelo por pertencer o casco histórico.
Como alternativa establécese un aparcadoiro provisional nunha zona verde portuaria que está lonxe das nosas vivendas e será de libre acceso; habendo opcións máis cercanas para os veciños.
Consideramos que para establecer un bo proxecto de peonalización o primero e fundamental é establecer prazas de aparcamento cercanas aos domicilios, posto que ademáis o estacionamento é un problema xeralizado no pobo.
- Non tiveron en consideración a opinión e necesidades dos negocios da zona, que igualmente vénse afectados pola habilitación desta zona peonil provisional. Finalmente, día a día observamos que con esta medida non se cumplen os obxetivos marcados polo mesmo equipo de goberno coa implantación deste proxecto no referido a seguridade peonil e espazo comunitario,aumentando o risco de accidentes e creando un espazo menos seguro para a comunidade.
Ante está improvisación e despropósito, solicitamos un novo proxecto de peonalización serio, seguro, reflexivo e consensuado cos veciños, que atenda aos distintos intereses dos residentes.