Comezou o ensaio de peonalización da Praza Castelao de Corcubión
Importante paso adiante do goberno municipal de Corcubión. Porque os procesos de peonización sempre son complicados de primeiras, e o rexeitamento de parte da veciñanza vai ser case obrigatorio. Será unha penitencia que terá que superar o goberno nacionalista se quere consegur un casco vello limpo, un casco vello moderno, un casco vello humanizado, onde os peatóns sexan os únicos protagonistas.
Polo de pronto, este luns entrou en vigor o ensaio, que ten carácter de provisional ata o 30 de setembro, da peonización parcial da Praza Castelao. “Logo con calma, en vista desta experiencia, tomaremos a decisión fundamentada de peonalizarla de xeito definitivo”, explica o concelleiro Francisco Santiago López.
Para atender a maior necesidade de espazos para o estacionamento, o Concello puxo a disposición da veciñanza e visitantes, un novo aparcadoiro tamén provisional na zona portuaria, cunha capacidade de 33 prazas.
O edil quere compartir tamén esta reflexión máis persoal:
”As sociedades “modernas” actuais ignoran en moitos casos as necesidades básicas humanas, como camiñar e adaptarse ao clima da nosa contorna. En moitas cidades, a comunidade frecuenta centros comerciais, espacios pechados e artificiais onde xoga a rapazada ao “abeiro das forzas da natureza”. O automóbil é o eixe do sistema e a preferencia sobre o coche invade os espacios urbanos creando un entorno perigoso e contaminado. O resultado de todo isto é o esquecemento por parte da comunidade das necesidades humanas básicas, como camiñar e adaptarse ao clima, de harmonizar coa contorna.
Por contra, as comunidades que conviven en harmonía co espacio onde desenvolven as súas actividades sociais, amosan unha profunda adaptación co medio, que contrasta co anterior modelo. Neste tipo de comunidades, as persoas aproveitan os recursos dispoñibles e adáptanse ás condicións climáticas e xeográficas dun xeito que as outras sociedades centradas no confort inmediato e no coche, non poden.
O desexo de priorizar as nosas necesidades sin apenas esforzo físico lévanos a unha desconexión co medio, negándonos a virtude de camiñar e sentir o aire, a luz natural ou a chuvia. A necesidade enfermiza de ter todo a man, sen esforzo, nos condena ao sedentarismo, perdendo en moitos casos a noción das estacións, da capacidade de orientarnos ou de prever os cambios. Nos priva do sentido de ser unha especie, extraviando todo vínculo e respeto co territorio.
Porén unha relación de simbiose e respectuosa co medio, unha vida basal activa e un sentido de pertenza á comunidade como núcleo vital, poderían inspirar un redeseño dos núcleos habitados, adaptando as urbes aos principios de naturalización, equilibrio e harmonía dos espacios comúns, onde nos relacionamos como sociedades. Si somos quen de acadar esta singularidade estaríamos protexendo realmente o futuro das vindeiras xeracións.”