Corcubión acolle a presentación dunha guía para facer podcast

Imaxe da presentación do pódcast de Onda ODS en Oleiros
Unha guía sobre como facer un pódcast preséntase este venres en Corcubión. No acto participaran representantes do movemento asociativo e dos grupos políticos de Corcubión, Cee e Fisterra. A entrada é de balde e repartiránse exemplares da publicación entre as persoas asistentes. Intervirán o coordenador de radiONeria Toño Casais e o director de Radiofusión Henrique Sanfiz. Comezará as 19:00h da tarde no Clube Marítimo Carrumeiro.

A publicación denomínase "Comunicándonos. Guía práctica para a elaboración de contidos audiovisuais e pódcast relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentábel" e foi editada polo proxecto Onda ODS Empeza por ti, coa participación das asociacións de Emisoras Municipais de Galicia, Andalucía, Catalunya, Rede de Medios Comunitarios e a axuda do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Diríxese a persoas interesadas en comunicar con valores, "convencidas da necesidade de cambiar o rumbo cara a unha sociedade máis xusta e máis responsable fronte á emerxencia climática e as desigualdades". Pretenden facilitar a "apropiación" das novas ferramentas e códigos comunicativos que nos achega a dixitalización. Salientan que a colaboración "é clave no mundo post-pandemia para planificar unha comunicación que impulse unha verdadeira cultura de paz e que facilite a creación de relatos para un mundo respectuoso coas nosas contornas ambientais, sociais e culturais, desde a proximidade".