Debullando o novo Mercado Medieval de Corcubión

Está mañá de luns 24 de xullo, o salón de plenos do Concello de Corcubión acolleu a presentación da XXI edición do Mercado Medieval que se celebrará na vila entre o venres 28 o domingo 30. Ao acto acudiron tres dos catro concelleiros do grupo de goberno e os representantes da comisión organizadora. Por esta última acudiron Alejandro Lamas, Marina Mouzo, Marina Gómez e Yago Coronilla.  

O alcalde Francisco Xabier Domínguez, Drok, amosou o seu agradecemento aos organizadores “por coller a festa nestas condición” facendo referencia a pouca marxe de tempo para poder levala a cabo. Uns parabéns que fixo extensivos a traballadores do concello e voluntarios en xeral.

Agradecementos

Alejandro Lamas, voceiro da organización, amosou o seu “emocionado agradecemento” á poboación pola súa entrega á hora de colaborar. "Estamos abrumados" confesaba ao tempo que daba as grazas a hostalería, comercios, Concello de Corcubión ou asociacións como a Universidade Popular, Farándula Velutina, Asociación de Amigos do Porco Celta ("cunha aportación de 5000 euros"), o coro Airiños de Quenxe, a asociación "Porto sí, mortos non" e a todos e todas as particulares que están a traballar dende o anonimato. Lamas quixo poner en valor o feito de que algunhas das colaboracións estean a chegar dende fóra de Corcubión, o que amosa que este é un proxecto comarcal, que trasciende a propia vila. 

Desembarco

Destacou a variada oferta de actos, cunha programación “deseñada para todos e todas coa base dun feito real sucedido no século XV, o desembarco das tropas e a resistencia de Gómez de Rioboo". Un Desembarco que se escenificará o venres pero que nesta edición de 2023 cambia de ubicación, celebrándose na praia urbana, ao carón da praza de Castelao, e en horario diurno para que coincida unha marea que permita desenvolver o acto.

Marina Gómez, responsable da representación teatraldda man do grupo Farándula Velutina, explicou os cambios que vai a experimentar a representación respecto doutros anos. "Terá un carácter máis teatral, comenzando coas Xaviñanas (grupo da Universidade Popular). Farándula Velutina encargarase da representación e tamén terán presenza as actrices do grupo da Escola de Teatro de Corcubión".

Máis programa

Ao respecto do programa, Alejandro Lamas destacou o dinamismo que terá este Mercado, con espectáculos e animación cada 15 minutos. Unha das novidades é a apertura do Mercado o venres pola mañá, sen agardar á celebración do Desembarco. Voltará o espectáculo da cetrería e un apartado de xogos para os máis pequenos. Ademais nos xardíns da casa do Concello vaise instalar un campamento militar. A programación do venres (non o mercado) pechará ás 23h terá lugar un concerto con Gaeloc.

Na xornada do sábado tamén haberá espectáculo nocturno, cun repaso musical á música de raiz e co concerto de Alborada.

O domingo poderase desfrutar un espectáculo de Hípica Celta, pechando o Mercado co arriado do pendón.

  

Irlanda

  A concelleira de Cultura, María Bella, anunciou a chegada dunha representación de Ashbourne, vila irlandesa irmanada dende 2017 con Corcubión e que acostuma a aproveitar a celebración do Mercado para visitar a Vila de San Marcos. A recepción terá lugar o venres 28 ás 12 do mediodía no salón de plenos do Concello. A principal novidade está no carácter aberto desta visita, un feito que ten por obxectivo “fomentar o coñecemento das características e peculiaridades desta terra irmandada”. Un acto que gozará tamén da actuación dalgúns membros do Grupo Duin.

Cartel do Mercado Medieval de Corcubion 2023