Boca de Sapo apela "ao sentido do deber público" polo Centro de Día XA
Segue Corcubión pendente da futura apertura do Centro de Día de xestión privada. A vila leva décadas pelexando por unha infraestrurura necesaria en materia de benestar e conciliación, pero a Xunta leva outro tanto deixando as súas responsabilidades na externalización. Foron varios os grupos de goberno que o intentaron, e varios os grupos veciñais que levaron a demanda á voz pública.
Nos últimos tempos é a Plataforma Xuntos polo Centro de Día a que leva a voz da veciñanza ante as administracións. Anos antes, a cidadanía loitou a través da campaña Centro de Día XA! É precisamente unha das entidades que formaron parte deste movemento social, Boca de Sapo Comunidade Ecosocial e Cultural, a que quere amosar a súa postura tralo último atranco que ten esta semana a necesitada infraestrurura sanitaria.
Cómpre lembrar que os tres grupos da oposición rexeitaron a pasada semana unha resolución para usar dúas partidas no equipamento do futuro Centro de Día. Tras unha semana de achegamentos entre o grupo de goberno do BNG e a oposición, o goberno municipal convocou unha nova sesi´pon plenaria extraordinaria para este venres ás 19:00h, para reiterar a votación.
A postura de Boca de Sapo.
Como entidade do tecido social que no 2019 decidiu facer "espertar" a cuestión da necesidade de ter un servizo público esencial en Corcubión como un Centro de Día e que realizou diferentes actividades de visibilización, concienciación e activismo (recolleita de máis de mil sinaturas de apoio, creación de pancarta colectiva, lectura de manifesto, reunións co goberno, reunións coa Plataforma de Rianxo, Perfomance desde o propio Centro de Día denunciando o inmobilismo das entidades públicas, esconxuro por un Centro de Día...) para que as institucións públicas solucionaran un problema que levamos arrastrando desde hai xa demasiados anos, vémonos na obriga de romper o silencio e entrar de novo no debate público e dar as seguintes consideracións:
- Que o Centro de Día é un dereito que temos que ter como cidadáns.
- Que as entidades publicas están na obriga de outorgarnos este tipo de servizos esenciais, maiormente nun contexto de poboamento envellecido.
- Que este tipo de servizos deberían estar fóra de tacticismos e estratexias de corte partidario e que estes en conxunto asuman a responsabilidade que teñen como representantes do pobo e cumpran o que din nos seus programas electorais.
- Que entendemos a crítica construtiva como piar da pluralidade democrática e entendemos que os partidos políticos da oposición teñen o deber de fiscalizar e controlar as accións de goberno, mais non entendemos, como entidade comprometida co social, o posicionamento en contra no último plenario dos grupos da oposición. Cústanos entender, desde logo, que un servizo esencial como un Centro de Día non sexa visto como prioritario no quefacer político en Corcubión e que os intereses políticos partidarios non queden, como é o caso, aparcados polo ben común.
Quen perde aquí sempre é o pobo representado
Apelamos ao sentido do deber público. Apelamos ao sentido común e que no pleno deste venres se debata, critique e se corrixan as posíbeis diferenzas, eivas e/ou erros que se puideran cometer e que dunha vez por todas collamos o camiño correcto para ver algún día as portas abertas de par en par do Centro de Día.
Sería desde logo unha verdadeira conquista social colectiva.
Algo do que deberíamos comezar a saber presumir todas e todos os que habitamos Corcubión.
E como dicíamos o que era daquela a nosa consigna.
Solucionen o problema.
Centro de Día Xa!
Histórico do Centro de Día
- Xullo 26: "Cada día que pasa sen abrir este Centro de Día é un fracaso colectivo"
- Xullo 26: O pleno de Corcubión rexeita un acordo necesario para abrir o Centro de Día
- Febreiro 26: A plataforma Xuntos Polo Centro do Día de Corcubión esixe á Xunta que cumpra os compromisos adquiridos para a súa apertura urxente
- Febreiro 2026: O Concello de Corcubión ten que claudicar ante a deixadez da Xunta e busca financiamento para o Centro de Día municipal
- Outubro 2025: Corcubión volveu unirse polo Centro de Día.
- Setembro 2025: O BNG leva o Centro de Día de Corcubión á Valedora do Pobo
- Agosto 2025: O centro de día de Corcubión chega ao Parlamento Europeo
- Xuño 25: Belén do Campo reiteroulle ao voceiro do PP de Corcubión que a Xunta non asumirá a xestión do Centro de Día.
- Maio 25: A Xunta rexeita a xestión directa do Centro de Día e insta ao Concello de Corcubión a asumila
- Maio 25: Corcubión volve unirse para esixirlle á Xunta un Centro de Día de xestión pública.
- Abril 25: Corcubión aproveita a visita da Delegada da Xunta para lembrarlle a esixencia do Centro de Día.
- Abril: Corcubión inicia unha campaña de recollida de firmas para reclamar á Xunta que abra o Centro de Día.
- Marzo 25: O Concello de Corcubión asegura que xa ten realizado os trámites que pide o Consorcio para o Centro de Día
- Marzo 25: O Centro de Día de Corcubión poderá ser unha realidade se a xestiona unha entidade social
- Febreiro 25: A Plataforma Xuntos polo Centro de Día de Corcubión comeza unha campaña para conseguir apoios institucionais.
- Novembro 2024: "Negar os centros de día é unha forma de violencia e de maltrato ás persoas dependentes”.
- Xullo 24: O Concello de Corcubión volve a denunciar a negativa da Xunta a abrir o Centro de Día.
- Outubro 23: O PP rescata a petición de Sempre Corcubión e pide convertir o edificio do Hotel El Hórreo nunha residencia de maiores.
- Novembro 21: Sempre Corcubión volve pedir a creación dunha residencia de maiores pública e comarcal.
- Abril 2021: Propoñen adquirir o Hotel El Hórreo e convertilo nunha Residencia comarcal para maiores
- Decembro 2020: O eterno retraso do Centro de Día de Corcubión volve ao Parlamento.
- Febreiro 2020: “Na Road Trip Protesta a Rianxo aprendimos que un Centro de Día é posible, e significa dignificar aos maiores”.
- Outubro 19: Boca de Sapo presenta 1.000 sinaturas para esixir a apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Xullo 19: Un berro silencioso, e medieval, pola apertura do Centro de Día de Corcubión.
- Maio 2019: Corcubión enteiro sae á rúa polo Centro de Día.
- Camariñas, Corcubión e Ponteceso valoran o si da Xunta ao Centro de Día de Malpica.
- Outubro 2018: A Xunta volve negarse a poñer en marcha o Centro de Día de Corcubión.
- Outubro 2018: “Os técnicos de Servizos Sociais da comarca de Fisterra trasladaron á Deputación a necesidade de abrir o Centro de Día de Corcubión”
- Setembro 2017: O BNG critica a postura da Xunta co centro de día de Corcubión.
- Setembro 2017: A Xunta rexeita a abrir o Centro de Día de Corcubión
- Novembro 2015: O BNG de Corcubión pregunta polo esquecido Centro de Día.
- Maio 2014: O Centro de Día de Corcubión ve a luz.
- 09-03-11: O BNG de Corcubión pide á Deputación financiamento para rematar o Centro de Día.
