O Desembarco máis local propiciou a primeira máxica noite do Mercado Medieval de Corcubión
Máxica noite a do 25 de xullo para dar comezo ao XXXIII Mercado Medieval de Corcubión. A pesar do vento frío, a vila de San Marcos viviu unha xornada histórica, coa posta en escea dunha das mellores feiras medievais do estado. E para iso, a implicación do pobo, das xentes da vila, é indispensable, para deixar ese sabor de festa auténtica e arraigada.
A tarde e a noitiña deixaron momentos feiticeiros como os bailes do Fauno co grupo Acibreira liando o mellor pasarúas do país, momentos nos ata o propio alcalde puido quitarse o xugo da política e relaxarse e gozar da festa como antano.
As rúas da vila estaban absolutamente ateigadas, con todo o mundo agardando polo gran momento. Porque o Desembarco é o elemento diferenciador desta festa. E a representación histórica da chegada, en 1457 das tropas do Arzebispo de Santiago, Rodrigo de Luna, e a vitoria local recuperou o poderío escénico de antano.
Preto de 150 persoas implicadas da vila estiveron implicadas na obra, moitas facendo de soldados, e sobre todo do valente pobo de Corcubión enchían o areal do Malecón. Dirixidos por Marina Gómez (ademais a voz en off) e a xente do grupo local Farándula Velutina, a representación volveu coller ese cariz social. Á fronte, actrices consolidadas como Elisa Lema no papel de Dona Xoana ou Efrén Arteaga, facendo do heroe local e vasalo dos Condes de Altamira, Gomes de Rioboo. Tamén estiveron o premiado Fernando Castro Paredes no papel de Don Rodrigo; Cris Martínez Rojas no papel de Arzobispo; Andrea Rod. Trillo no papel dunha das veciñas; e a directora Marina Gómez, que tamén pon a voz en off. Ata o alcalde, Xabier Domínguez, “Drok”, volveu pisar a area facendo de veciño, todas acompañadas polas as Rinchonas e as Xaviñanas da Universidade Popular, o Grupo da Escola de Teatro Municipal; e o Grupo de Baile Nerio de Xaldón, que puxo fin a todo un gran espectáculo.
”Quedou un espectáculo moi chulo”, recoñece unha orgullosa, e coa voz algo tomada Marina Gómez, que xa prepara as accións dos grupos locais para sábado e domingo.
Si que ao remate, os fogos de artificio tiveron que ser parados, porque estaban caendo enriba das casas por mor do vento.
A cousa segue
Pero a cousa segue con dous días completos, nos que ademais das actuacións da empresa contratada, Corcubión quere facer máis seu este Mercado ao completo. “Queremos que Corcubión se implique en máis cousas que o Desembarco”, sinala Marina, que apuntou que xa o izado do Pendón foi protagonizado por Dona Xoana, que deu o pregón, a mesma que fará varios paseos (sábado ás 18:00h e domingo ás 12:00) acompañada de músicos, saudando á xente.
O grupo local tamén recupera a procesión dos Fachos e o aquelarre, a partir das 0:00h desta noite sabatina. Partindo da escena na que remata o desembarco, farán a procesión dos fachos con Rioboo á cabeza, rematando cun Aquelarre no que as xentes de Farándula e Truéjele invocarán ao demo, representado polo artista local Borja Insua.
CRÓNICAS DOS MERCADOS
- 2024: O pobo de Corcubión volveu converter o Mercado Corcubión na capital histórica da Costa da Morte.
- 2022: O Mercado Medieval de Corcubión cumpliu 20 anos para cambiar de ciclo.
- 2019: O Mercado medieval de Corcubión en imaxes.
- 2019: Corcubión e o seu pobo, por riba das modas medievais.
- 2018: Corcubión volve ao medievo con máis forza ca nunca.
- 2013: O Mercado Medieval de Corcubión mantén o seu tirón.
- 2012: O Mercado Medieval de Corcubión non perde tirón.