Gemma Román presenta o seu álbum "Luna de sol"
Esta de estrea a nosa soprano Gemma Román. A tomellosera afincada en Corcubión lanza dixitalmente este vindeiro xoves 24 de xullo o seu sinxelo e o videoclip "Yo soy la locura" en plataformas dixitais e presentará o seu álbum "Luna de Sol" en formato físico na Coruña. A presentación terá lugar no marco do concerto de música antiga que organiza cada ano o coro Canticorum dentro do programa "Feria das Marabillas" na Igrexa de Santiago ás 20:30 h. A artista anima ao público a asistir a este concerto porque, ademais de gozar da música de varios coros, tamén é unha experiencia para empaparse do ambiente medieval que impregna as rúas.
Esa mesma fin de semana, xa o vindeiro sábado 26 de xullo presentará o álbum en Corcubión no marco do concerto que organiza cada ano o coro Ariños de Quenxe durante o mercado medieval na Igrexa de San Marcos ás 12:30 h.
Finalmente, o sábado 9 de agosto lanzará dixitalmente o sinxelo e o videoclip "Sin duda, piense Menguilla" e presentará o álbum en Cee, no marco da cerimonia de nomeamento de Francisco Caamaño como fillo predilecto, que terá lugar no Auditorio Baldomero Cores ás 12:00 horas.
A soprano, gañadora dos "18º Premios á Excelencia Musical Mans Futuro 2023", está moi agradecida tanto á Xunta como aos estudios por facilitar en todo momento o proceso de gravación. Aínda que a gravación se desenvolveu nunha sóa xornada, o 12 de febreiro de 2024, nos estudios Mans da Coruña, cre que o resultado é bastante satisfactorio. Na gravación participaron David Fernández Rodríguez como enxeñeiro de gravación e mestura; Javier Justo García como asistente de gravación. Gemma está especialmente agradecida a David porque, "aínda que fun lenta na revisión das gravacións, soubo entenderme e conseguir o son que eu pedía".
Os músicos que a acompañaron foron Pablo Ruibal (viola e guitarra) e Víctor Blanco López (guitarra e arpa), Andreina Muñoz Meier (pianista venezolana) e Estela Blanco (frautista).
Neste álbum, Gemma presenta o traballo que realiza co seu grupo de música antiga Afecto y Desdén e o seu traballo co dúo Vento Dolce. Quixo render homenaxe á súa Castilla la Mancha natal, a Galicia (o seu fogar actual) e a Venezuela, lugar de nacemento de Andreina, a súa pianista. Todos estes lugares están baixo o mesmo sol.
É certo que todo xira arredor del, pero a artista fálanos da lúa: "Xira arredor de nós. Inevitablemente destaca entre todas as estrelas, e ás veces non se deixa ver porque nos interpoñemos entre ela e o sol. Gris e silenciosa, non brilla con luz propia porque é un espellismo, un reflexo, que ilumina as miñas noites de traballo e estudo. Por iso xoga un papel tan importante no meu álbum".
Por outra banda, todo o proceso de deseño gráfico (que fixo ela mesma) foi lento, e máis aínda tendo en conta que tivo que combinalo con varios concertos, eventos e actuacións nos teatros da ópera de Oviedo e Tenerife como corista profesional.