Novos nomes musiqueiros para o rueiro de Corcubión
Este pasado xoves, o pleno de Corcubión aprobaba o cambio de nome de 4 rúas da vila, seguindo a lei de memoria democrática. A Avda. Santa Isabel, como se coñece a curva diante do finado Hotel El Hórreo, onde hai unha praíña con ese mesmo nome, unirase coa rúa Cruceiro de Valdomar (a parte baixa da empinada rúa que baixa dende o Cabo da Vila) para chamarse rúa Irmáns Abelleira Blanco, na honra dos músicos e creadores da lendaria Orquestra La Palma.
Do mesmo xeito, BNG, PP e Sempre Corcubión votaron a favor de cambiar o nome da rúa Isabel II (perpendicular á Serrano pegada á prazoleta Médico Arturo Cándido Carrera.) polo de rúa Alan Lomax, o mítico etnógrafo que fixo parada e colleita na vila de San Marcos nos anos 50; mentres que a rúa Serrano (un golpista e un dos amantes de Isabel II, a rúa interior entre a Praza Castelao e Mártires) pasará a ser As Xaviñanas, en clara homenaxe á nosa tradición, pois eran unhas señoras que vivían nesa rúa e que foron recollidas por Lomax.
Nomes que recollen a tradición musical da vila corcubionesa, pero que non forno ben recibidos polo PSOE, que votaron en contra dos cambios por non ter sido avisados para consensualos. Consideran que os nomes Cruceiro de Valdomar ou Santa Isabel son nomes arraigados na vila.