Martes. 23.04.2024
El tiempo

O Corcubión de arredor de 1930 na serie de tarxetas postais de Tanarro

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 0
O Corcubión de arredor de 1930 na serie de tarxetas postais de Tanarro

A primeira tarxeta postal foi enviada en Austria o 1 de outubro de 1861. En España houbo que esperar ata o 1873. En calquera dos casos aquelas tarxetas eran diferentes das que coñecemos: unha das caras estaba reservada para escribir o texto da mensaxe e na outra, que xa levaba o franqueo incorporado, púñase o enderezo do destinatario. Non será ata os anos noventa daquel século XIX cando se incorpore unha fotografía ou unha ilustración nunha das caras, quedando a outra para o franqueo e o enderezo. A fotografía non acostumaba ocupar todo o espazo para deixar sitio na mesma cara ao texto, se non fora así, escribíase sobre a propia imaxe. No 1906 púxose en circulación un novo modelo no que o reverso aparecía partido verticalmente: a metade esquerda destinada á mensaxe e a outra ao enderezo e á colocación do selo. No anverso a imaxe gañaba todo o protagonismo. Con lixeiros cambios de tamaño esta tipoloxía de postal foi a que chegou ata os nosos días.

A incorporación de fotografías ou ilustración nas tarxetas converteu cada un dos exemplares desta nova variante de comunicación postal en obxectos moi representativos dun tempo e dun lugar. O feito de que nas imaxes se plasmaran os atractivos paisaxísticos, os monumentos, os costumes ou os avances da vida moderna dunha cidade, dunha vila ou dunha comarca, foi o principal responsable da difusión e popularización das postais en todas as sociedades minimamente avanzadas. Tanta era a fascinación que producían estes pequenos rectángulos de cartolina que nos primeiros anos da pasada centuria púxose de moda a súa colección, afección que continúa na actualidade aínda que de maneira máis marxinal.

Sustentando esta intensa circulación de tarxetas atopábanse diferentes editoriais que renovaban periodicamente as súas series de postais para satisfacer os desexos dunha clientela ávida de novidades. No estado español sobresaíron nas primeiras décadas do século pasado as empresas Lacoste e, sobre todo, Hauser y Menet. Pola mesma época na nosa Terra e cunha produción moito máis pequena e restrinxida a Galicia temos que citar a Casa Ferrer da Coruña. A maiores destas editoriais había moitas casas comerciais ou promotores particulares que, dándose de man cunha imprenta, podían producir algunhas postais moi determinadas: normalmente da vila ou cidade na que se atopaban ou sobre a actividade económica da que eran protagonistas.

A Costa da Morte non quedou fóra desta tendencia e dende os primeiros anos do século XX foi fonte de interese para as grandes editoriais pero tamén para os pequenos promotores. Se tomamos como referencia a vila de Corcubión e os seus arredores, a primeira postal da que temos noticia é a que en 1903 edita a Casa Ferrer da Coruña da Fervenza do Ézaro, que xa tratei no artigo que sobre esta paraxe publiquei neste mesmo xornal. No ano 1905 será a editora Lacoste de Madrid a que saque á rúa unha serie de quince tarxetas nas que Corcubión conta co maior protagonismo, pero na que tamén podemos atopar tres sobre a vila de Cee, unha da Fábrica de Carburos en Brens e outra da Cascada do Ézaro. Esta casa faría edicións sucesivas con algunhas pequenas variantes. O repertorio máis variado da zona fonte do noso interese é o que publica arredor de 1920 a maior e máis activa editora de postais da época: a Casa Hauser y Menet de Madrid. Neste caso a serie está composta por unhas catorce tarxetas que abranguen toda a costa dende Fisterra ata, como non, a Fervenza do Ézaro. En futuras colaboracións intentaremos dar máis información sobre cada un destes ciclos de imaxes. Tampouco faltaron editoriais estranxeiras que incluíran nos seus repertorios algunhas postais da comarca, mais sobre estes exemplos por agora pouco podemos dicir. Así chegamos a serie de tarxetas que centra o interese deste artigo: unha secuencia de 16 postais onde as fotos aparecen asinadas no reverso da imaxe cun lacónico: “Foto. Tanarro”. Máis alá dos escenarios fotografados que trataremos posteriormente, obxectivamente pouco máis podemos asegurar, movéndonos en moito do que digamos no terreo esvaradío das hipóteses.

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 2
Imaxe na que se pode ver a pastelería de Tanarro situada da Praza da Constitución, hoxe de Castelao. (Esta fotografía foi tomada do perfil de Facebook de Luis Lamela).

Antes de afondar noutros aspectos empecemos polo suposto responsable das instantáneas que aparecen plasmadas nas postais: Tanarro, sen máis.

Se nos situamos no Corcubión do primeiro terzo do século XX a única familia que posuía un apelido tan infrecuente por estas latitudes era a de FERNANDO TANARRO SANZ. Este personaxe chegara a antiga capital xurisdicional dos condes de Altamira a finais da centuria anterior procedente de Santanar (Segovia), como nos lembra Luís Lamela nun dos seus imprescindibles artigos, instalando unha pastelería na praza principal da citada poboación. Debía contar con certa formación cultural pois durante moitos anos foi vicecónsul de Portugal e axente consular de Francia en Corcubión. A “Confitería F. Tanarro” aparece publicitada numerosas veces nas páxinas de La Voz de Galicia como a “única que fabrica todos los días dulces y pasteles frescos y toda clase de encargos del ramo de confitería, garantizando su buena calidad y pureza”. Unha das súas especialidades máis influentes na repostería da comarca foi a Torta de Améndoa Tanarro, unha delicia que aínda se sigue preparando en moitas casas da contorna corcubionesa. Pero quizais a súa produción máis singular fora a duns caramelos que popularmente se denominaban Tanarros ou Tanarrios e que tiñan un envoltorio moi especial: un papel no que se reproducía o retrato do industrial e unha cantiga en castelán da súa autoría que tomaba como punto de partida uns versos alleos para rematalos el dunha maneira bastante absurda na que se perdía a rima e a lóxica da mensaxe, mais que tiñan a súa graza entre o público da época segundo nos informa F. Ramón Ballesteros nunha colaboración en La Voz de Galicia do 16 de xuño de 1963. Non reparáramos no asunto pero, por indicación dun amigo de Corcubión, podemos comparar esa maneira de versificar do pasteleiro poeta co que facían os dadaístas: unha corrente creativa nacida arredor de 1916 que tiña por obxectivo revolucionar as artes; revelarse contra as convencións literarias; propugnando, entre outras accións, facer unha poesía ilóxica e sen un significado claro. Fernando Tanarro, seguramente sen sabelo, estaba á cabeza das vangardas artísticas das primeiras décadas do século.

O seu establecemento estaba situado nunha casa substituída pola actual nº5 da Praza de Castelao (daquela da Constitución), e non só contaba con pastelería senón que tamén tiña unha taberna como se pode apreciar polos pipotes de viño que aparecen diante da porta nunha foto da época. Por outros anuncios publicados no xornal antes citado, sabemos que circunstancialmente tamén se podía dedicar ao negocio inmobiliario e incluso a venda de embarcacións de segunda man. Todo parece indicar que era unha persoa cun forte dinamismo comercial; dinamismo que tamén posuía o seu fillo Fernando que tamén desenvolveu actividades mercantís antes de emigrar para a Arxentina.

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 3
Montaxe con dous envoltorios dos caramelos fabricados por Tanarro. 

Sería este Fernando Tanarro o promotor da edición do ciclo de postais que nos ocupa? Coidamos que si. É difícil atopar outro responsable para unha acción levada a cabo por aqueles anos e na que se unen os nomes de Tanarro e Corcubión, só puido ser o pasteleiro ou un dos seus fillos. O seu carácter inquedo e emprendedor pode ser outro argumento que contribúa a esta atribución. Outra cousa é que realmente fora o autor das fotografías. Non sendo fotógrafo, que nós saibamos, e nun tempo onde o número de afeccionados a esta arte entre nós era mínimo, o normal sería que lle encargara para uso exclusivo unha serie de instantáneas a un profesional e que despois el se encargara de mandalas imprimir e de comercializalas. As tarxetas tampouco contan con ningún pé de imprenta que nos facilite algo máis de luz sobre o asunto. Puido ser esta a secuencia dos feitos? Non podemos aseguralo taxativamente pero é moi probable.

Temos outra interrogante máis: se as cousas foron así, quen foi o autor das fotografías? Non o sabemos. Nas series iniciais de Lacoste e Hauser y Menet botaran man do traballo de Manuel Romero, fotógrafo fisterrán afincado primeiro en Corcubión e despois en Cee. Puido facer Tanarro outro tanto? É posible. De todos os xeitos dende mediados da década dos vinte o muxián Ramón Caamaño tamén se atopa traballando pola zona, así que non podemos aventurar unha resposta. Sobre a data concreta da publicación das postais tampouco temos ningunha seguridade. Un problema que, agás series moi concretas, atinxe á práctica totalidade das postais editadas en España antes de 1958. Nestes casos a existencia de exemplares franqueados pode servir de orientación para a súa datación, mais entre todas as tarxetas de Tanarro que temos visto ningunha fora botada ao correo, todas estaban sen usar. En tales circunstancias só podemos recorrer á análise das imaxes plasmadas nas postais ou á súa comparación con outras das que teñamos unha cronoloxía máis segura. Despois dunha detida observación, baseándonos na comparación do tamaño das árbores con relación aos aparecidos en tarxetas anteriores e, sobre todo, na visión ampliada da postal nº 11 pareceunos distinguir unhas estruturas verticais diante da fachada da futura capela do Pilar, coma se estivera en obras. Sabendo que este templo se rematou en 1931, podemos situar arredor de 1930/31 a realización das fotografías.

Coma xa dixemos son dezaseis postais: dúas da Fábrica de Carburos de Brens e catorce de Corcubión. As que se centran na vila de San Marcos a pesar dun número tan xeneroso, quedaron fóra do ciclo lugares tan emblemáticos como o Campo da Igrexa, o Campo do Rolo, os arredores do Pazo de Altamira ou a actual rúa da Mariña. Pola contra, varias das paraxes escollidas resultan algo reiterativas con imaxes moi semellantes nas que só varía levemente o punto de vista.

A pesar destas eivas consideramos que a serie ten un grande interese. Que nós saibamos é a primeira iniciativa deste tipo promovida dende a propia vila, situándose á marxe das grandes editoras de postais e abrindo un camiño que anos máis tarde continuarán fotógrafos da zona coma Ramón Caamaño, Francisco Muñoz ou Gervasio. A maiores do anterior, o ciclo posúe un grande valor histórico e documental sobre o Corcubión de arredor de 1930, ofrecéndonos algúns aspectos da vila que só os atopamos nalgunha destas postais como imos ver máis polo miúdo na breve análise de cada unha das vistas que acometemos a continuación.

1 e 2: VISTA XERAL

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 4

Estamos diante dunha dobre postal. Como a súa numeración indica son dous exemplares que en caso de franquealas había que partilas pola metede para que adquiriran o tamaño de 9x14 cm. e así cumprir coa normativa internacional sobre este tipo de envíos. Estas tarxetas extra longas posuían moito interese para os coleccionistas, case podemos dicir que a súa edición estaba pensada para atraer a atención deste tipo de clientes sobre unha serie, xa que despois de conseguir a postal dobre era moi posible que desexaran completar o ciclo.

Como se pode ver trátase dunha ampla panorámica de boa parte da avenida de Ruíz, actual avda. da Constitución, que a partir de 1866 se converterá no principal acceso á vila, e da que sobresaen as vivendas situadas na primeira liña de mar construídas con posterioridade ao ano indicado. Nos primeiros planos destaca o peitoril de protección da actual rúa da Mariña, vía enmarcada dentro da estrada con destino a Fisterra que non se materializou ata os últimos anos do século XIX. Completan a escena as pequenas embarcacións que semellan atoparse á deriva sobre un mar en calma, e a potente e sinuosa liña do horizonte.

3: AVENIDA DE RUÍZ

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 5

Imaxe moi parecida á anterior, só que abarca unha menor lonxitude de costa. A maiores do xa comentado podemos dicir que sobre o rochedo que apreciamos na parte dereita foi construído nos anos cincuenta da pasada centuria un miradoiro, unha balconada que se repite mesmo despois da praíña de Santa Isabel, e dende as que se observa unha das mellores vistas do vello Corcubión. Ao pé do ángulo no que se encontraban a avda. de Ruíz coa da Mariña onde, incluso con marea chea sempre había pouca auga, acostumaban varar as embarcacións tradicionais de menos envergadura como podemos ver nos primeiros planos.

4: DÁRSENA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 6

Corcubión, no seu actual emprazamento, naceu, medrou e fíxose unha vila grazas ao mar. As súas favorables condicións de abrigo impulsaron o dinamismo do porto que, dende a súa orixe pesqueira, iniciou xa no medievo aínda que timidamente unha actividade comercial que chega ata o día de hoxe. Sabemos que no século XVIII o peirao xa estaba no lugar que ocupa na imaxe. Imaxe na que se dan cita dous dos edificios máis antigos da vila; ambos con importantes renovacións e reconstrucións: a igrexa de San Marcos e o Hospital de Peregrinos. Da primeira que funde as súas raigañas do século XIII, podemos ver a gradación ascendente de volumes coroados polo campanario neogótico. O segundo (o edificio de cor branca que nun segundo plano se atopa no estremo dereito) fora fundado no século XV polos condes de Altamira e andando os anos serviu como circunstancial Casa Reitoral e durante a guerra contra os franceses como almacén de pólvora e outros equipamentos militares; nesta última misión sufriu un grave incendio no que estivo a piques de desaparecer para sempre.

Se ata o de agora fixemos referencia a construcións pertencentes ao Corcubión que estaba baixo a xurisdición dos condes de Altamira, o seguinte que imos tratar é fillo do novo estado liberal nacido en 1833. Referímonos ao Cárcere de Partido, o edificio de longa proxección horizontal que está na veira do mar na parte dereita da imaxe. Unha construción de mediados do XIX que, a pesar das importantes reconstrucións a que foi sometida en anos posteriores, conserva as características do sólido e austero neoclasicismo do proxecto orixinal.

Por detrás desta institución punitiva, na mesma fronte marítima, á altura das dúas edificacións brancas que con distintas alturas aparecen na metade esquerda da fotografía, estivo deica o século XVIII o Castelo de Santa Cruz. A principal defensa da ría ata que ergan as fortalezas do Príncipe e do Cardeal no século citado anteriormente. É unha magoa que o agradable equilibrio que ofrece a postal fora roto pola destrución das construcións da parte dereita e o levantamento na segunda metede do XX de novos edificios dunha maior volumetría.

5: UN RECUNCHO DA PRAZA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 7

Estamos no centro neurálxico de Corcubión, na actual praza de Castelao. O escenario dos acontecementos importantes da vida social da vila e un dos lugares no que as edificacións sufriron menos cambios. Permanencias que contrastan coas transformacións do mobiliario e do arboredo urbano. Chama a atención positivamente o ordenamento do espazo público onde se combinan as zonas empedradas con outras que xa botan man do cemento. Tampouco falta certa animación social con persoas aquí e acolá e, sobre todo, ese grupo de rapaces atentos ao traballo do fotógrafo.

6: FONTE

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 8

No século XVIII son numerosas as referencias que nos informan das boas augas da fonte da praza. Un servizo fundamental ata que ben avanzada a centuria pasada se levou a cabo unha rede de distribución domiciliaria. Dende as noticias do XVIII a fonte cambiou non só a configuración arquitectónica, senón tamén ata dúas veces de situación. Primeiro trasladouse en 1857 ao lugar que ocupa na presente postal, aínda que o seu aspecto é froito dunha intervención de 1910. Do centro dunha pía octogonal sobresae unha columna que a diferentes alturas e con diferentes grosores separados por sinxelas molduras, repite as formas xeométricas da pía. Remata o conxunto un gracioso e estilizado soporte para colocar plantas do que colga unha abundante mata de verdor.

Por desgraza coa construción nos anos cincuenta do edificio de Correos neste mesmo lugar, a fonte foi condenada a un novo cambio, relegándoa a un curruncho situado entre o citado servizo postal e un desnivel da praza froito dunha remodelación das súas alturas. Posición na que perdeu o protagonismo público e urbanístico que tivera ata ese momento.

Mais volvamos á imaxe. O eterno gurgullar da auga, a constante presenza de persoa que provistas de sellas ou caldeiras se achegaban ao seu redor ma procura do prezado líquido, ou as elevadas árbores que a sombreaban, conformaban un recuncho de profundo significado social e de grande valor paisaxístico.

7 e 8: UN DETALLE DO PORTO e UN DETALLE DA RÍA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 9

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 10

Analizamos estas dúas postais conxuntamente porque, agás as embarcacións do primeiro plano, repiten con lixeiras variacións o mesmo encadre. A abundancia de naves, sobre todo na primeira, lémbranos a importancia do mundo da pesca. É fermoso o despregue das arboraduras dos diferentes barcos que nos retrotrae a un tempo onde a propulsión a vela seguía tendo importancia. Na metade esquerda da tarxeta nº 8 podemos observar, sobrevoando o resto do rueiro, a capela de Santo Antonio. Con relación a imaxes máis antigas nas que aparecía a aliñación de árbores do dique cunha perfecta regularidade; agora parécenos que, seguramente por causas naturais, desapareceron algúns exemplares, restándolle parte da prestancia que sempre posuíu esta fronte marítima.

9 e 10: BRENS. VISTA DOS FORNOS e FÁBRICA DE CARBUROS

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 11
Corcubion 1930-Postal de Tanarro 12

Repetimos a estratexia anterior comentando estas dúas postais ao mesmo tempo. A fábrica de Carburos Metálicos iniciara a súa andadura en Brens en 1904 cunhas sinxelas instalacións; a esta altura como podemos ver, xa conta con numerosas naves e un edificio administrativo de tres plantas e baixo cuberta. Na imaxe número 9 observamos en primeiro plano un carril sobre o que usarían vagonetas para o transporte de diferentes materiais. Con relación ao funcionamento da factoría por aqueles tempos ofrecemos algúns datos sacados do Libro de Oro de la Provincia de La Coruña publicado en Vigo por PPKO en 1930. Contaba con doce fornos: catro para procesar cal, outros catro para producir carburo e os catro restantes estaban destinados á elaboración de ferro manganeso. Puñan no mercado anualmente 12.000 toneladas de carburo de calcio, ferro silicio, silicio manganeso e ferro manganeso. Tamén producían os envases necesarios para a comercialización destes produtos. Tiñan, segundo a época, entre 300 e 400 empregados divididos en tres quendas para que a produción non parara nunca. Posuían un peirao e un vapor propio que transportaba as 50.000 toneladas de materiais que entraban e saían da fábrica anualmente. E estaban realizando obras de ampliación que elevarían a súa produción a 25.000 toneladas en 1933, ou esa era a previsión.

11: MERCADO

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 13

A vila a maiores da feira que se celebraba o último venres de cada mes ao lado do desaparecido cemiterio do Campo da Viña, contaba cun mercado na praza principal da poboación todos os veres e domingos. A esta cita comercial acudían os habitantes das aldeas dos arredores para prover aos veciños de Corcubión de hortalizas, legumes, verduras, froitas, ovos, aves de curral e todo tipo de mercadorías coas que o mundo agrario podía satisfacer as necesidades da capital xudicial do Partido. Esta é a única fotografía que coñezo na que se plasman estes encontros mercantís semanais que deixaron o espazo público cando se construíu a praza de abastos. Entre as edificacións podemos distinguir a casa dos Miñores coa súa característica esquina redondeada ou a de Emilio Alonso, daquela xa falecido, coroada por unha lanterna para iluminar o faiado. Mesmo antes desta institución, como xa dixemos, parécenos ver en obras a futura Capela do Pilar.

12: DETALLE DA BAHÍA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 14

Esta é a única postal da serie que nos mostra o fondo da ría onde, de maneira descontinua debido ás embarcacións dos primeiros planos, podemos ver o núcleo de Cee; o grande rival de Corcubión dende o medievo. O atranco das arboraduras das citadas naves e o lixeiro desenfoque do último plano semella todo un símbolo desa secular oposición. Na marxe dereita podemos distinguir, elevándose sobre o resto da vila, o Colexio Fernando Blanco de Lema. A súa construción no máis alto do Cee de finais do XIX, sumada á xenerosa volumetría que posúe, lograron que dende a súa inauguración en 1886 fora o edificio de maior relevancia da ría. Relevancia que ía máis alá do arquitectónico, atinxindo a outros moitos aspectos sociais e culturais de toda a comarca.

13: ASPECTO XERAL DA RÍA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 15

Se a vista anterior miraba ao fondo da ría, esta faino á ribeira situada na fronte oposta a Corcubión. Estamos nun día de marea baixa no que non faltan aquí e acolá embarcacións de diferentes tipos e tamaños animando a tranquilidade das augas. A fumarea que vemos elevarse diante das montañas que fechan o horizonte, procede da Fábrica de Carburos. Unha actividade industrial situada no Concello de Cee que tamén contribuíu ao dinamismo da vila de San Marcos. Polo menos nos primeiros tempos o porto desta última foi o lugar de entrada de todo o que precisaba para o seu funcionamento e de saída de todo o que producía.

14: FERMOSO RECUNCHO DA PRAZA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 16

Volvemos ver a esquina redondeada da casa Miñones e a lanterna da de Emilio Alonso. Lanternas que debía estar de moda por aqueles anos para iluminar os faiados, pois unhas casas máis adiante aparece unha segunda coroando outro edificio. A maiores da construción da sede de Correos xa comentada, toda a praza cambiou substancialmente coa supresión dos plátanos e doutras especie arbóreas existentes, ao ser substituídas nos anos corenta por unha ringleira de palmeiras que, sen desmellorar o entorno, danlle un aire exótico alleo á tradición da vila.

15: ASPECTO XERAL DA ESTRADA

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 17

Esta vía de entrada a Corcubión gañada ao mar na década dos sesenta do século XIX, converteuse no lugar de paseo máis popular dos veciños da vila ata que a intensidade dos vehículos a motor expulsou aos viandantes. Era un lugar para ver e ser vistos onde, como nos mostra a imaxe, non faltaban as clases altas da poboación exhibindo as súas mellores galas. Un espazo dotado dunha grande harmonía á que contribuían a boa calidade das edificacións que o conformaban, os coidados xardíns fechados con artísticos enreixados situados diante dalgunhas vivendas, o acondicionamento das zonas públicas con beirarrúas, ringleiras de plátanos a un lado da calzada e de farois ao outro, o sólido peitoril tanxente coa liña costeira, e o mar sempre presente e sempre cambiante. E co mundo do mar están relacionadas as galerías: complementos construtivos que como puidemos observar en moitas das postais, teñen unha abondosa presenza imprimíndolle ás fachadas unha luminosa transparencia que atinxe a toda a vila.

16: RÚA REAL

Corcubion 1930-Postal de Tanarro 18

Antes da construción do recheo na fronte marítima arredor de 1866, esta rúa formaba parte do único camiño de acceso a Corcubión dende A Coruña ou Santiago. Facendo honor á súa denominación atopábase ben urbanizada coas beirarrúas de cemento e a calzada empedrada. Queremos chamar a atención sobre boa parte das edificacións construídas ou renovadas a finais do século XIX e principios do XX caracterizadas por unha considerable altura, os estilizados ocos do baixo e a lixeireza das galerías.

Estas maneiras de facer contrastan fortemente coa vivenda situada na parte esquerda da imaxe dotada cunhas poderosas e pesadas ménsulas suxeitando o balcón que se adiantan con contundente vigor sobre o espazo público. Esta casa é máis antiga que as anteriores e aínda persiste na actualidade, mais coa altura aumentada.

O sol proxectando intensas sombras nalgún recuncho, xente nas portas, nenos que observan, unha rapazota cunha sella na cabeza que volve da fonte; son algunhas das presenzas que lle dan vida a esta derradeira postal da serie.

Con esta pequena achega unicamente nos propuxemos contribuír ao mellor coñecemento da historia da imaxe fotográfica de Corcubión. Esperamos que fora de certo interese e así coller azos para continuar este camiño con futuras entregas.

Non podo rematar sen agradecerlle ao amigo Alejandro Lamas de Corcubión as súas valiosas e xenerosas indicacións que sen dúbida contribuíron á mellora dos resultados.

 

BIBLIOGRAFÍA

  • González Fernández, X. Miguel: Guía cultural da comarca de Corcubión. RP Edicións, 1989.
  • Jurjo, Suso: “O Pazo de Altamira de Corcubión nun plano de 1776”, artigo de Que Pasa na Costa do 9 de maio de 2020.
  • Lamas, Alejandro: “De hospital de peregrinos a polvorín”, artigo de La Voz de Galicia do 13 de decembro de 2005.
  • Lamas Costa, Alejandro: Corcubión y su jurisdicción en la Guerra de Independencia. Asociación Neria, 2009.
  • Lamela García Luis: “El Corcubión de 1925”, artigo de La Voz de Galicia do 6 de xuño de 2014. Lamela García Luis: “Los Tanarro siguen en Argentina”, artigo de La Voz de Galicia do 2 de febreiro de 2019.
  • Lamela García Luis: “Romero, pionero de la fotografía en la comarca de Fisterra”, artigo de La Voz de Galicia do 2 de outubro de 2010.
 
  • Suso Jurjo. Historiador e Técnico de Cultura no Concello de Mazaricos.

OUTROS ARTIGOS DE SUSO JURJO

Comentarios