Piden nomear o futuro paseo que unirá Cee e Corcubión como "Miradoiro Orquesta La Palma"

Unha serie de asociacións da vila de San Marcos veñen de remitir un escrito de solicitude ao Concello de Corcubión para a denominación do futuro miradoiro que se situará na unión do paseo marítimo que conectará as poboacións de Cee e Corcubión, como "MIRADOIRO ORQUESTRA A PALMA".

Esta iniciativa xorde dos familiares dos catro fundadores e de músicos da Orquestra, xunto a oito asociacións musicais, culturais e deportivas de Corcubión como unha homenaxe aos integrantes da emblemática formación musical, quen, sendo veciños desta localidade, levaron con orgullo desde a súa fundación no ano 1951 o nome de Corcubión a numerosos escenarios dentro e fóra das nosas fronteiras. O seu legado non só foi musical, senón tamén cultural, ao ser auténticos embaixadores da nosa terra e contribuír a que o nome de Corcubión ecoase con admiración en distintos lugares.

As asociacións que apoian e asinan esta solicitude son:

  • Asociación Airiños de Quenxe.
  • Asociación Universidade Popular de Corcubión.
  • Asociación Boca de Sapo.
  • Asociación Centro Recreativo Cultural de Corcubión.
  • Asociación Cultural Radio Neria.
  • Unión Deportivo Corcubión.
  • Asociación Cantigas de Doa Xoana.
  • Asociació As Novas Musas.

No documento de solicitude por rexistro, solicítaselle ao alcalde de que informe a Demarcación de Costas, responsable da execución desta obra, que inclúa este tipo de infraestrutura.