Os Concellos de Cee e Corcubión fanse cos terreos que permitirán unir o paseo marítimo
Desta vai. Se hai unhas semanas xa o facía o Concello de Cee, este xoves 14 de novembro tocoulle ao alcalde do Concello de Corcubión asinar ante notario a compra dos terreos que permitirán unir os paseos marítimos da vila de San Marcos e de Cee.
Despois de que o Xulgado de Corcubión autorizase en xullo pasado a venda das parcelas, os concellos fixeron fronte á compra deses terreos para cederllos a Costas. No caso de Corcubión, a finca apenas lle custou ao Concello 19.546 euros, aportados tras unha modificación de crédito que aprobou o Pleno da Corporación en abril. Deste xeito, Costas do Estado xa ten á súa disposición os terreos necesarios para executar a conexión dos dous paseos, facendo realidade un proxecto que leva décadas de retraso.
O alcade de Corcubión, Xabier Domínguez Traba “Drok”, manifestou que “o traballo realizado polo equipo de goberno neste últimos meses vai dando os seus froitos, e agora realizamos un paso máis para facer realidade unha demanda histórica da veciñanza dos dous pobos”. O rexedor corcubionés avanzou que o departamento de Costas xa ten listo o proxecto de unión dos paseos, e agarda que “as obras comecen o antes posible”.
Os planos
Histórico
- Abril 24: O Pleno de Corcubión aproba a adquisición dun terreo para continuar coa fusión do paseo marítimo co de Cee.
- Novembro 23: O goberno corcubionés consegue reactivar o proxecto de unión do paseo entre Cee e Corcubión.
- Setembro 2023: Novos pasos para a construción do paseo entre Cee e Corcubión.
- Margarita Lamela en 2019: “A unión do paseo en Cee e Corcubión vai adiante”.
- 2014: Piden de novo a unión dos paseos de Cee e Corcubión.