Protestas sobre protestas no SAF de Corcubión
Este mércores 13 de agosto, a CIG ten convocadas varias concentracións ao longo do país en resposta ao asasinato da traballadora do Servizo de Axuda no Fogar do Porriño. Ademais de na Coruña, o sindicato sairá coas traballadoras en Ponteceso (ás 10:00 h, diante do concello), Arteixo (ás 10:00 h, diante de Aralla); Malpica (ás 11:00 h, diante do concello), A Laracha (ás 11:00h, diante do concello), Carballo (ás 12:00 h, na Praza do concello) e en Cee (ás 11:00 h, Praza 8 de Marzo).
Unhas concentracións que serven tamén para exixir medidas que garantan a protección efectiva e a seguridade das traballadoras deste sector. Unha petición que tamén defenden as 11 traballadoras do SAF de Corcubión, que malia e todo lanzan un comunicado denuciando que “a CIG xunto co Concello de Corcubión firmaron un acordo para a noso departamento que non só incumpre o convenio, se non que está moi por debaixo del”.
As traballadoras esixen ser tratadas como “persoal laboral fixo do Concello”, e lamentan que se lles impoña unha xornada parcial, e que os desprazamentos non llos contan dende o Concello. Critican tamén que no convenio creouse “un servizo de retén ou garda para os fins de semana, pero que non se computa como días libres”, de feito que “as fins de semana, festivos e festivos especiais se tratan coma se fosen días normais”.
As traballadoras denuncian a “precariedade na que traballamos e palpable, os nosos soldos e a nosa base de cotización e a menor de todo o concello, apenas chegamos o salario mínimo e non se nos aplican as subidas como o demais persoal laboral fixo do Concello”. “O Convenio, que si se cumpre por exemplo en Santa Comba, con nós nos se cumpre”, lamentan asegurando que seguirán loitando.
A versión da CIG
Pola súa parte, a CIG considera falsas as acusacións das traballadoras, considerando que “desprestixian” o servizo do SAF. A CIG rexeita rotundamente que se poidan calificar de condicións “denigrantes” xa que, aseguran, “desde a da sinatura do acordo no ano 2023 coincidente co cambio de goberno e coa nova representación sindical conseguironse milloras sustanciais e son falsas as acusacións que se verten nese comunicado”.
Aseguran que “oacordo contempla melloras en relación o convenio como un calendario laboral que non existía, no que se recolle un correturnos o descanso semanal, quilometraxe e compensación de festivos”, así como o respecto de 2 días de descanso semanal ou o abono dos desprazamento polo sistema “cibersad” contando dende o Concello. Sinalan que “si hai compensación de festivos en tempo de descanso (que tamén son cartos)”, e que “non hai impedimento para o descanso do café” aínda que a xornada de traballo continuada non chega ás 6 horas.
A CIG entende que “a critica obedece a outro trasfondo, entendemos que político”. E sentenza: “O problema de facer acusacións falsas é que deslexitima as lexitimas reivindicacións de melloras das condicións que ten o colectivo”.