Xoves. 02.05.2024
El tiempo

Quen paga o SAF?

SAF SOCIO SANITARIA FORUM 2022
Quen paga o SAF?

Aproveitamos os datos que nos ofrece o Concello de Carballo para analizar un dos servizos municipais que máis quebradeiros de cabeza está traendo aos Concellos. Falamos do SAF, o Servizo de Axuda no Fogar, ese servizo funamental para coidar aos nosos maiores, que debería ser competencia total da Xunta (si que sufraga boa parte do servizo) pero que ao final asumen en boa medida os Concellos.

No caso carballés, o servizo municipal de axuda no fogar atendeu o ano pasado a 395 veciños e veciñas de Carballo: 333 con dependencia recoñecida pola administración competente, que é a Xunta de Galicia, e 62 que dispuxeron do servizo polo sistema de libre concorrencia. En total prestáronse nada menos que 74.566,59 horas de SAF, cun custe de 1.630.500,17 euros. Unha partida tremenda para un Concello.

O Concello debulla as cifras desas 332 atendidas (88 homes e 245 mulleres), nun total de 71.252,59 horas efectivas de atención domiciliaria: O mantemento deste servizo supón un custe de 1.563.176,87 euros, que se financian coas achegas das persoas usuarias (173.037,96), da Deputación da Coruña (171.812,99 euros), da Xunta de Galicia a través do plan concertado (918.856,04 euros) e do propio Concello (299.469,88 euros).
Así, cada hora de SAF para as persoas con dependencia acada os 21,94 euros de media.

SAF de Libre concocorrencia

Paralelamente, o servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñen limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar. As persoas que non teñan recoñecida a dependencia pero que reúnan unha serie de criterios técnicos que acrediten a súa necesidade, poden recorrer ao denominado SAF básico ou de libre concorrencia, que contou o ano pasado con 62 persoas usuarias (29 homes e 33 mulleres), e un total de 3.314 horas de atención a domicilio.

Neste caso, o Concello de Carballo asume a maior parte do gasto. O ano pasado destináronse a este servizo 67.323,35 euros, dos cales 5.942,50 corresponderon aos copagos dos/as usuarios/as (1,79 euros de media por hora), 10.119 euros á achega da Deputación da Coruña a través do denominado POS Social (3,05 €/hora), 10.446,93 ao plan concertado da Xunta de Galicia (3,15 €/hora) e 40.814,87 euros de achega municipal (12,32 €/hora).

Formación

O Concello de Carballo, que considera unha prioridade a atención á dependencia, está a traballar, en coordinación entre as concellarías de Servizos Sociais e Formación, e co apoio da Xunta de Galicia, na formación de profesionais na atención sociosanitaria a persoas dependentes. Neste momento está en marcha no Fórum Carballo un novo obradoiro de emprego do que sairán unha vintena de persoas cualificadas.

Comentarios