A Redonda, exemplo veciñal en materia de prevención forestal
As tres asociacións parroquiais de San Pedro de Redonda (AAVV Lugar de Quenxe, San Roque e de San Pedro de Redonda) xunto cos veciños e veciñas das seis aldeas, volven a dar outro gran paso na prevención de incendios.
Despois de conseguir a instalación de varias bocas antiincendios e adquirir, grazas aos forestais e bombeiros, diversos materiais contra o lume (mangueiras, batellumes, lanzas...), agora suman a limpeza da franxa de seguridade secundaria. Esta área preventiva delimita a separación estipulada entre as vivendas e os montes (sobre uns 50 metros), minimizando o gran perigo de queima das casas ante posibles incendios. Dita franxa foi delimitada in situ por técnicos de SEAGA (Servizo Agrario Galego), os cales trasladaron no pasado mes de febreiro toda a información.
Dende as tres asociacións recoñecen o gran labor de corta da meirande parte dos veciños e veciñas e celebran a importante concienciación da parroquia nesta iniciativa tan sensible e fundamental. Ademáis, congratulanse que na contorna se comecen a realizar actos semellantes aos anteriores e lembran que todo tipo de prevención é de máxima importancia de cara ao verán.