Á corrente volve fluír polos muiños de Quenxe 50 anos despois
Incrible o traballo, pero tamén a satisfacción, que ten a veciñanza da parroquia de San Pedro de Redonda (Corcubión). O proxecto interxeracional "Á corrente dos muiños", coordinado polas tres asociacións parroquiais (AAVV Lugar de Quenxe, San Roque e de San Pedro de Redonda) está a rematar a rehabilitación dun dos muiños de Quenxe. Logo de longas tardes de traballo comunitario, e despois de máis de cinco decadas esquecidos no fondo da maleza, os muíños de Quenxe volverán a moer.
Nesta rehabilitación non so participaron os veciños e veciñas se non que tamén estiveron presentes os máis pequenos e pequenas, grazas a colaboración do CEIP Praia de Quenxe. Foron precisamente eles e elas os que colaboraron na limpeza do muiño e os que estarán este vindeiro xoves cintando a última parte da construcción, sempre guiados polo saber dos máis maiores. Ademáis, este venres tamén se sumará a este proxecto o alumnado do IES Agra de Raíces de Cee, o cal, despois dunhas charlas realizadas por algúns parroquianos, realizarán tarefas para a rehabilitación do muiño e crearán unhas maquetas representando o seu mecanismo.
Outro que non vai fallar á cita é Modesto García Quintáns, un dos grandes defensores do noso patrimonio, que levará unha tremenda alegría vendo esta segunda vida dos muíños.
Dende as tres asociacións parroquiais agradecen todo o esforzo e a ilusión de todos os veciños e veciñas para non perder parte da cultura e da identidade do pobo corcubionés. Así mesmo, recoñecen e aprecian a participación do CEIP Praia de Quenxe e do IES Agra de Raíces no proxecto, o cal foi acollido como propio polo alumnado. Deste xeito, mediante a implicación de todas as partes da sociedade, os rapaces e rapazas toman o relevo xeracional aos máis maiores da parroquia de San Pedro de Redonda, evitando que a cultura e o saber queden varados no esquecemento.
Máis novas do proxecto




