O Roquiño xa ten listo o campo de San Roque para a Feira O Saber Sabor da Aldea

Os veciños e veciñas da parroquia de San pedro de Redonda (Corcubión) comezan os preparativos para a terceira edición da Feira O Saber Sabor da Aldea, que se celebrará o sábado 1 de agosto no campo de San Roque (Corcubión). 

Dende a semana pasada están a construir as casetas de madeira onde a parte de expoñerse parte da ferramenta e productos típicos da zona de hai 70 anos, tamén estarán presentes varios artesáns. Os profesionais que se encontrarán na feira son Fernando (cesteiro), José Roberto (artesán de tamboriles e pandeiretas), Maricarmen (artesá especializada en sombreiros de palla) e como nova incorporación estará no campo a veciña Carme Ayala (oleira).

Outro dos grandes atractivos dese día será a comida típica. Non faltarán as sardiñas, empanadas, churrasco e xamón, e por suposto o café de pota. 

Ademáis, logo do duro esforzo realizado durante o ano na rehabilitación dun dos muiños de Quenxe (traballo realizado conxuntamente pola veciñanza e os centros educativos CEIP Praia de Quenxe e IES Agra de Raíces), contarase de xeito singular con broa. A cal estará feita de forma tradicional: con millo do país moido coa forza da corrente do muiño e cociñado nun forno enxebre.

E para os máis larpeiros tamén estarán presentes as filloas a pedra e follados con touciño, ademáis de contar, con Granxa Moreira de Frixe e os seus xa famosos xeados e iogures quilómetro cero que tanto éxito e prestixo posúen.

Dende as tres asociacións da parroquia de San Pedro de Redonda agradecen a todos os nomeados a súa participación e ilusión nesta terceira edición tan importante para o sentimento de unión de todas as aldeas.

Máis novas