Denuncian fugas de auga da rede principal de abastecemento de Coristanco

En plena alerta por seca, o PSOE de Coristanco vén de denunciar fuga de auga existente na rede principal de abastecemento, que estaría provocando filtracións e posibles danos nunha propiedade particular.

 

O voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda sinala que os veciños afectados veñen intentando comunicar esta situación en reiteradas ocasións, sen que ata o momento recibisen unha resposta axeitada nin se teña dado unha solución efectiva á incidencia.

O socialista considera especialmente grave esta situación tendo en conta que o propio Concello mantén restricións ou medidas de limitación no consumo de auga: “Non ten sentido pedirlles aos veciños que aforren auga e fagan un uso responsable dun recurso tan necesario mentres se permite que unha fuga na propia rede municipal continúe provocando a perda de auga”.

Ante esta situación, o Grupo Socialista de Coristanco solicita ao Goberno municipal que "inspeccione de inmediato a zona, determine a orixe da fuga, proceda á reparación da avaría coa maior brevidade posible, comprobe os posibles danos ocasionados polas filtracións na propiedade afectada e informe á veciñanza sobre as actuacións previstas e os prazos para a súa execución".