martes. 30.06.2026
El tiempo

O inventario de biodiversidade do ENIL Braña Rubia – Lagoa de Alcaián supera xa as 500 especies

Familia do GN Habitat na Lagoa de Alcaian
Familia do GN Hábitat na Lagoa de Alcaián
O inventario de biodiversidade do ENIL Braña Rubia – Lagoa de Alcaián supera xa as 500 especies

O Espazo Natural de Interese Local (ENIL) da Braña Rubia – Lagoa de Alcaián continúa consolidándose como un dos enclaves de maior interese natural da comarca. Os traballos de inventario realizados durante a pasada fin de semana polo Grupo Naturalista Hábitat permitiron superar a cifra das 500 especies catalogadas, alcanzando un total de 506 especies de flora, fauna e fungos. Unha cifra máis que respectable ao falarmos dunha zona de apenas 100 hectáreas.

"Este fito pon de manifesto o extraordinario valor ecolóxico dun espazo que, tras máis de medio século desde o abandono da actividade mineira, experimentou unha notable recuperación ambiental ata converterse nun importante refuxio para a biodiversidade galega", explican dende Hábitat, tras varias visitas.

GN Habitat na Lagoa de Alcaian

O catálogo elaborado ata o momento inclúe máis de 200 especies de plantas, arredor de 100 especies de fungos, 70 especies de aves, 20 especies de libeliñas, 65 especies de bolboretas e avelaíñas, 15 especies de coleópteros, 12 especies de anfibios, 10 especies de mamíferos e 4 especies de réptiles, entre outros grupos biolóxicos. Entre elas destacan especies de especial interese científico, como a Centaurea ultreiae, un endemismo galego que ten na Braña Rubia o único espazo protexido coñecido no que está presente en todo o mundo.

bolboreta é pyronia tithonus na lagoa de Alcaian
A bolboreta pyronia tithonus na lagoa de Alcaián
a libeliña é libellula quadrimaculata na Lagoa de Alcaian
A libeliña libellula quadrimaculata
 flor dactylorhiza maculata na lagoa de Alcaian
Dactylorhiza maculata na lagoa de Alcaián

O Grupo Naturalista Hábitat destaca que este inventario continúa en permanente actualización. Nos vindeiros meses está previsto intensificar o estudo doutros grupos biolóxicos aínda insuficientemente coñecidos neste espazo, como os morcegos, os briófitos ou diversos invertebrados acuáticos, polo que se agarda incrementar de maneira significativa o número de especies rexistradas.

Estes traballos forman parte das accións de estudo e seguimento da biodiversidade que a entidade desenvolve na Braña Rubia – Lagoa de Alcaián co obxectivo de mellorar o coñecemento científico do espazo, favorecer a súa conservación e poñer en valor un dos humidais máis singulares do interior da provincia da Coruña.

Algun bicho na lagoa de Alcaian 2
Bicho por identificar na ENIL

Comentarios