O PSOE de Coristanco propón unha mellora integral do refuxio de Verdes
O PSdeG-PSOE de Coristanco denuncia o “mal estado” no que se atopa actualmente o Refuxio de Verdes e propón un plan integral de mellora para a área do refuxio. Así o sinalou o voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenta, que lamenta que o refuxio está “nun estado de preocupante deterioro, con pasarelas de acceso rotas, mesas e bancos danados, baños en malas condicións e sen auga, maleza que invade as zonas de recreo e árbores caídas no leito do río”.
“Isto supón un risco para a seguridade dos visitantes, pero sobre todo xera unha imaxe moi negativa para un lugar que é un símbolo do noso Patrimonio Natural”, critica Pérez Abelenda.
O socialista denuncia novamente “a inacción por parte do Goberno municipal, co alcalde á cabeza, á hora de manter zonas tan importantes no noso Concello, como é a área de Verdes, nun estado aceptable”.
“Estamos a falar dun dos lugares máis emblemáticos pola súa riqueza ecolóxica, ademáis de estar dentro da Zona de Especial Conservación Río Anllóns, e nin o Goberno municipal nin Augas de Galicia está a velar polo mantemento deste espazo”, afirma. "O Refuxio de Verdes non pode seguir neste estado, non se pode permitir que un espazo natural deste valor estea abandonado, polo que presentamos unha proposta realista, urxente e asumible se hai vontade política", engade.
O Grupo Municipal Socialista de Coristanco presentará unha moción no pleno da corporación na que solicita un plan urxente de mellora e mantemento integral do Refuxio de Verdes como un dos espazos naturais máis emblemáticos e visitados da localidade e parte da Costa de Morte.
As medidas propostas requerirán que o Concello solicite a Augas de Galicia que poña en marcha un plan que inclúa a mellora dos accesos e camiños interiores, a reparación das pasarelas de madeira deterioradas, o acondicionamento das zonas de merendeiro e bancos, a mellora das instalacións dos baños públicos e a limpeza do río Anllóns.
Ademais, o PSdeG-PSOE solicita que o goberno municipal tramite as autorizacións necesarias ante Augas de Galicia e acometa coa maior brevedade posible as actuación necesarias para evitar accidentes para as miles de persoas que nos visitan cada verán.