Os alcaldes da comarca esixen información sobre os protocolos para os programas de conciliación

Imaxe dun campamento do Concello de Zas do ano pasado en Naturmaz

Xa o dicía o pasado martes o alcalde de Zas nos #DirectosQPC. “Necesitamos protocolos para desenvolver os programas de conciliación este verán”.

Hoxe é David Barbeira, alcalde de Santa Comba (CxG), e faino en nome de concellos como Zas, Mazaricos, Vimianzo, Camariñas, ademais de Negreira, Val do Dubra ou A Baña.

Barbeira envía un escrito no que volve pedir información (xa o fixo ao comezo da pandemia). “Precisamos protocolos de actuación, ratios a cumprir e outros datos de interese, para poder organizar e levar a cabo campamentos e programas de conciliación laboral e familiar”, afirma.

Unha medida fundamental para que as familias, que van volvendo pouco a pouco aos seus postos de traballo, poidan deixar aos seus fillos.

”Solicitaremos á Xunta de Galicia que nos proporcionen información de se se van a poder realizar programas de conciliación laboral e familiar así como campamentos deportivos e/ou culturais, data para poder iniciar os mesmos, protocolos de actuacións a seguir, ratios a cumprir, tratamento dos nenos e nenas con necesidades especiais e outros datos de interese; coa finalidade de poder organizar os programas de conciliacion laboral e familiar coas máximas medidas de seguridade e evitar todos os ricos que sexan posibles”.

Novas relacionadas