Belén Vila, de Frutas Belén: "Ao pecharme tanto as feiras coma os bares, levo na casa practicamente vinte e pico días"

Posto de Embutidos J.A.M.MONT no mercado dominical de Cee.
Posto de Embutidos J.A.M.MONT no mercado dominical de Cee.

En QPC vimos de recoller varios testemuños de diferentes sectores afectados directamente por esta crise sanitaria como os taxistas, a hostalería ou a pesca artesanal. Nesta volta centrámonos naquelas pequenas empresas de alimentación de venda ambulante que, a pesares de pertencer ao sector de primeira necesidade, víronse gravemente afectados pola cancelación das feiras, o seu principal sustento.

Belén Vila, de Frutas Belén, afirma que dende que se decretou o Estado de Alarma as súas vendas descenderon seriamente por mor do peche das feiras e bares: “Ao pecharme tanto as feiras coma os bares, levo na casa practicamente vinte e pico días, teño todo pechado. Si fago algún encargo para quen me chama, pero nada”.

Vila indica que xusto o xoves 12 de marzo, dous días antes de que se declarase oficialmente o Estado de Alarma, cargou o seu camión cunha mercancía que tivo que tirar finalmente nos días posteriores ao non poder vendela. “Ese venres fun á feira a Fisterra e tan pronto chegamos o municipal xa nos dí que a partir de hoxe e ata novo aviso non habería mercado. Entón toda a mercancía, as verduras, fresas e iso, tiven que tirar con todo porque xa non houbo unha saída”, explica.

Un dos problemas que viu é que a xente principalmente cegouse en comprar nos supermercados sen pensar en outras alternativas. “A xente pensou que se acababa o mundo e abalanzouse a todo no super. De feito eu fun ao super despois ese luns e as estanterías estaban todas baleira e díxenlle á dependenta, vós tedes todo isto baleiro e eu cun camión de froita na casa para tirar”, declara Vila.

Nestes momentos está intentando repartir a todos os clientes que lle encargan a pesar de que o volume de vendas non é o mesmo. “Eu teño algúns clientes que me chaman e repártolles pero ao mellor de 100 clientes que tes, chámanche 5. Despois, o que fago é que espero todo o día e vou repartir a última hora da tarde para intentar xuntar un 4 ou 5 encargos e non ir con un só”, explica.

Por outra banda, Manuel Franco, de Embutidos J.A.M.MONT, tamén afirma que se encontra na mesma situación. “ Nós estamos practicamente parados ao 100% ao cortarnos as feiras, que é onde tiñamos nós o noso punto de venda”, indica.

Ao igual que Vila, Franco está a servir algúns dos encargos a particulares, sempre e cando sexan de cerca. “Eu tiña clientes a 100 quilómetros, en Ordes, en Santa Comba... E claro, agora a eses clientes non podo servilos, non podo levarlle un quilo de chourizos a un cliente a 60 ou 70 quilómetros. En cambio aquí, en Fisterra, Muxía, Cee... Esta zona si que a estou cubrindo, pero tan só a quen me chama”, comenta Franco.

Agora, con todo isto, a variedade de produtos que está a vender é moito menor que nas feiras, dado que, segundo indica, “se ti vas á feira, ves todo posto e sempre picaban un chourizo especial de León, un anaquiño de cecina... Iso agora nada, pídenche o básico: queixo, un taquiño de xamón, lomo de freír, chourizos para cocer, mel...”.

Ante unha situación coma esta pensar nunha solución clara é complicado, mais para Franco, algo que podería axudar a impulsar os negocios de alimentación ambulante sería lles desen a posibilidade de realizar as mesmas rutas habituais. “Eu penso que a alimentación tiña que poder circular igual como circulaba antes tomando as precaucións pertinentes, con mascarillas, coa marxe de distancia, non poder tocar... Pero que poida acceder aos sitios. A según poden as grandes superficies coma os supermercados, pois tamén poidamos os feirantes”, afirma Franco.

Tanto Vila coma Franco coinciden en que as previsións dun futuro próximo non son boas e teñen claro que isto vai ser progresivo. “O problema é que isto nos afecta a todos e á larga isto vai traer unha crise criminal. Eu no meu caso poderei aguantar uns meses, pero hai moitos negocios que non son capaces de facelo e eu penso que algúns que xa non van poder abrir cando poidan”, explica Vila.

Franco, pola súa parte, entende que un dos sustentos da nosa zona é o turismo, cousa que será verá nun estado moi crítico nos meses vindeiros. “Se non hai turismo e non hai cartos na zona, pois obviamente non se van mover cartos nas feiras nin en ningún sitio. A cousa vai comezar a funcionar? Si, pero moi amodiño”, afirma.