O medo ao Coronavirus xa comeza a incidir no turismo costeiro trala cancelación de todas as excursións do IMSERSO

Como xa sabemos, o Coronavirus está a revolucionar a nosa sociedade. A pesar de ser un virus que na meirande parte da poboación pasará inadvertido coma unha simple gripe, o que realmente está alarmando é o seu alto grao de contaxio, que impide controlar a pandemia.
É por isto que o Ministerio de Sanidade ven de anunciar certas medidas de carácter estatal como a prohibición de voar a Italia ou a suspensión das viaxes do Imserso durante o mes de marzo, co fin de limitar a propagación do COVID-19, sobre todo nos grupos de risco, como son as persoas maiores con patoloxías cardiovasculares, respiratorias o inmunolóxicas previas. Esta última medida é unha das que afectará aos negocios da zona da Costa da Morte e que prexudicará enormemente o turismo.
El ministro @salvadorilla ha anunciado dos medidas de carácter estatal:
— Ministerio de Sanidad (@sanidadgob) March 10, 2020
✈️Supresión de todos los vuelos con Italia
🚌Suspensión de los viajes del IMSERSO #COVID19espana #CMin pic.twitter.com/gUWP6dfWh8
Un exemplo disto é o Hotel Insua, ao que se lle cancelaron en torno a 1.000 comidas no seu restaurante que proviñan de excusións do Imserso. Segundo explica Ricardo Darriba, xerente do hotel, isto supón “un impacto económico importante, pero non só para nós. É un problema que vai afectar a toda a comarca”.
Ademais, isto non é un problema que atinxa só ao sector da hostalería exclusivamente, pois tamén afecta a ao resto de negocios da zona. Tal e como explica Darriba, isto é “unha cadea todo. Nós cada autobús que se aloxa no hotel, o último día sobre todo veñen cheos de bolsas de panadarías, de tendas, da carnizaría... Van a Cee e fan as súas compras ou saen polas tardes e consomen nos bares. Iso ao final é unha cadea e se a xente non ven, a xente non consome”.
Aínda así, e a pesares das cifras, para Darriba o realmente preocupante non son as excusións do Imserso senón o que esta situación de alarma e medo traia como consecuencia, sobre todo agora que se aproxima unha época como a Semana Santa. “Agora, a partir da semana próxima, comeza o período vacacional e se segue este medo rematarán cancelándose todas as viaxes en xeral, non só do Imserso, e isto é algo que se vai sentir en toda a comarca”, indica o xerente.
Unhas previsións que, de seguir así, levarán aos negocios a barallar en moitos casos a posibilidade de recortar o persoal. Ao preguntarlle por esta cuestión a Darriba, este afirmou que “probablemente si, pois, se non hai traballo, loxicamente as empresas terán que rematar recortando persoal. Iso está claro”.