"A Costa da Morte non pode vivir só do turismo estacional"
A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia lanza unha voz de alarma sobre a situación económica da Costa da Morte, denunciando "a dependencia excesiva do emprego estacional vinculado ao turismo e á hostalaría", sectores que, segundo sinalan, "non garanten estabilidade nin futuro para a poboación local".
UCIN reclama "un cambio de rumbo nas políticas públicas, esixindo ás administracións unha aposta clara por plans comarcais de emprego estables que promovan a diversificación económica e a reactivación de sectores produtivos estratéxicos como a industria, o sector primario (pesca e agricultura) e as novas actividades vinculadas á tecnoloxía e a dixitalización".
"Un modelo esgotado: máis paro e despoboamento"
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), "máis do 60% dos contratos laborais na Costa da Morte durante os meses de verán son temporais, con forte concentración en turismo e servizos. O resto do ano, o desemprego, especialmente entre a mocidade e os maiores de 45 anos, supera amplamente a media galega".
"A situación é insostible. Ano tras ano, repítese o mesmo patrón: emprego precario no verán e paro no inverno. E mentres tanto, seguimos perdendo poboación nova porque non hai futuro profesional nin vital", denuncia UCIN.
"Non podemos seguir vendendo fume cun turismo que dura tres meses mentres abandonamos a industria, a pesca ou o agro. A Costa da Morte precisa futuro, e iso non se consegue con contratos de 15 días", sinala José Luis Calo, Coordinador UCIN Galicia. "Esiximos da Xunta de Galicia, das Deputacións e do Goberno do Estado unha implicación real e inmediata. Que deixen de mirar para outro lado e aposten por plans de emprego comarcal, formación profesional adaptada, e investimentos reais en infraestruturas e tecnoloxía."
Así, o grupo lanza unha serie de propostas concretas:
- Creación dun Plan Comarcal de Emprego 2025-2030 con incentivos á industria local, modernización do sector primario e apoio a emprendedores.
- Formación profesional adaptada aos novos perfís dixitais, á construción, mantemento de infraestruturas e ás tecnoloxías verdes.
- Recolocación para parados de longa duración, especialmente en sectores emerxentes.
- Infraestruturas dixitais para facilitar o asentamento de empresas tecnolóxicas e o teletraballo.
- Control da precariedade laboral e fomento da contratación indefinida mediante bonificacións fiscais.