UCIN Galicia debulla a precariedade da sanidade pública na Costa da Morte

A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia, a través do seu coordinador autonómico, José Luis Calo, vén de denunciar publicamente "o estado de precariedade crecente que sofre a sanidade pública na Costa da Morte", unha situación que cualifica de “insostible e indignante para a cidadanía desta comarca”.
Segundo datos recollidos pola formación, os centros de saúde de municipios como Cee, Vimianzo, Muxía ou Corcubión sofren unha escaseza alarmante de persoal médico, con prazas de facultativos sen cubrir durante meses e con listas de agarda que superan os 45 días para consultas básicas.
“Non estamos falando de cuestións menores. Hai veciños e veciñas que teñen que desprazarse máis de 40 km para ser atendidos, e mesmo así non reciben unha atención digna. Isto é un abandono institucional”, afirma Calo.
A situación agrávase coa falta de pediatras, coa cobertura deficiente nas urxencias e coa ausencia de medios técnicos nos PACs (Puntos de Atención Continuada), o que obriga a derivación de moitos casos a hospitais comarcais ou da área sanitaria da Coruña, colapsando tamén eses servizos.
Desde UCIN Galicia esixen á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia:
- Un plan urxente de dotación de persoal para toda a área sanitaria da Costa da Morte.
- A cobertura inmediata das prazas vacantes en atención primaria e urxencias.
- A mellora dos recursos técnicos e materiais nos centros de saúde e PACs.
- A creación dunha mesa de diálogo coa veciñanza e colectivos profesionais para escoitar necesidades reais.