martes. 14.10.2025
El tiempo

"A Costa da Morte non pode vivir só do turismo estacional"

Membros de UCIN Galicia
Membros de UCIN Galicia
"A Costa da Morte non pode vivir só do turismo estacional"

A Unión de Cidadáns Independentes (UCIN) Galicia lanza unha voz de alarma sobre a situación económica da Costa da Morte, denunciando "a dependencia excesiva do emprego estacional vinculado ao turismo e á hostalaría", sectores que, segundo sinalan, "non garanten estabilidade nin futuro para a poboación local".

UCIN reclama "un cambio de rumbo nas políticas públicas, esixindo ás administracións unha aposta clara por plans comarcais de emprego estables que promovan a diversificación económica e a reactivación de sectores produtivos estratéxicos como a industria, o sector primario (pesca e agricultura) e as novas actividades vinculadas á tecnoloxía e a dixitalización".

"Un modelo esgotado: máis paro e despoboamento"

Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), "máis do 60% dos contratos laborais na Costa da Morte durante os meses de verán son temporais, con forte concentración en turismo e servizos. O resto do ano, o desemprego, especialmente entre a mocidade e os maiores de 45 anos, supera amplamente a media galega".

"A situación é insostible. Ano tras ano, repítese o mesmo patrón: emprego precario no verán e paro no inverno. E mentres tanto, seguimos perdendo poboación nova porque non hai futuro profesional nin vital", denuncia UCIN.

"Non podemos seguir vendendo fume cun turismo que dura tres meses mentres abandonamos a industria, a pesca ou o agro. A Costa da Morte precisa futuro, e iso non se consegue con contratos de 15 días", sinala José Luis Calo, Coordinador UCIN Galicia. "Esiximos da Xunta de Galicia, das Deputacións e do Goberno do Estado unha implicación real e inmediata. Que deixen de mirar para outro lado e aposten por plans de emprego comarcal, formación profesional adaptada, e investimentos reais en infraestruturas e tecnoloxía."

Así, o grupo lanza unha serie de propostas concretas:

  • Creación dun Plan Comarcal de Emprego 2025-2030 con incentivos á industria local, modernización do sector primario e apoio a emprendedores.
  • Formación profesional adaptada aos novos perfís dixitais, á construción, mantemento de infraestruturas e ás tecnoloxías verdes.
  • Recolocación para parados de longa duración, especialmente en sectores emerxentes.
  • Infraestruturas dixitais para facilitar o asentamento de empresas tecnolóxicas e o teletraballo.
  • Control da precariedade laboral e fomento da contratación indefinida mediante bonificacións fiscais.

Comentarios