A Costa da Morte tamén estivo presente na manifestación pola mellora da Sanidade Pública

A Plataforma Pediatras e Matronas Xa na manifestación

Este domingo, as rúas de Compostela volveron vivir unha masiva manifestación en contra das políticas da Xunta en materia de sanidade. A Plataforma SOS Sanidade Pública xuntaba ducias de milleiros de persoas (30.000 segundo a organización), para protestar contra a deterioración da sanidade e esixindo un sistema público de calidade.

Berros como 'menos inventos e máis investimentos' ou ‘Rueda atende, a sanidade non se vende' demostraron a necesidade de baixar as listas de espera, aumentar o persoal e coidar a “lamentable”situación da atención primaria.

Ducias de milleiros de persoas no Obradoiro

Non faltou a Plataforma costeira Pediatras e Matronas Xa, con Vanessa Viquendi animando co megáfono, ademais da delegación costeira de SOS Sanidade Pública Costa da Morte, con moita presenza de responsables do BNG da comarca.

Aproveitaron a cita cabezas de lista dos partidos que chegan aos comicios do 18F para deixarse ver, estando presentes Ana Pontón (BNG), José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG), Marta Lois (Sumar) e Isabel Faraldo (Podemos Galicia). Pontón e Besteiro deixáronse fotografar xuntos deixando unha imaxe de unión, mentres o Partido Popular tildou a manifestación de “electoralista”.