Dúas familias costeiras, moi presentes no Festival Intercéltico de Lorient

A Banda de Gaitas Invernía, da que forman parte os Gaiteiros de Buxantes, na Gran Parada do Festival de Lorient
"Sénteste moi orgulloso porque levas a túa cultura, e é moi bonito o respecto que teñen pola nosa cultura".

Un gran elenco de artistas da Costa da Morte están a representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient, o festival de música celta máis importante do mundo. Fano tanto na A.C. Xacarandaina como formando parte da banda de gaitas Invernía, e fano como auténticos protagonistas porque precisamente Galicia é o convidado especial. Xa van 6 días pero quedan outros tantos de festival.

A gran familia de Invernía


Banda de Gaitas Invernia en Lorient

Precisamente, José Antonio Castro Trillo "Zamora", un dos Gaiteiros de Buxantes que forman parte desa banda, cóntanos como está a ser esta experiencia: “Muito traballo e muita emoción, algo que non sabes o que é ata que o vives”, recoñece, ao tempo que valora que “aquí si que se aprecia a nosa cultura; quizais non sabemos o que temos ata que ves esto”, razoa.


Varios dos dumbrieses que forman na banda Invernía

O festival é toda unha despregadura de medios. “A Gran Parada son 3 km. de defile e milleiros de personas aplaudíndote e o final entras non estadio cun aforo para 18.000 personas, que practicamente está cheo e posto en pé. Ves na bancada as bandeiras galegas e todo é tremendamente emocionante”, recoñece. Entraron "Ao saír do estadio, explotas e todos acabamos chorando", explica emocionado.

Deste xeito, e se as mañás están sendo algo máis formal, a base de rumbas, muiñeiras e pasacorredoiras, polas tardes, xa na carpa Galicia, arman festas de primeira, como a auténtica Foliada galaica que liaron, mobilizando practicamente a todo o festival nunha auténtica festa rachada de cantigas populares.

"Sénteste moi orgulloso porque levas a túa cultura, e é moi bonito o respecto que teñen pola nosa cultura. Alí en Galicia, cando saen as gaitas a xente din 'hai volven os gaiteiros...'", lamenta. "Ademais é tremendo como valoran a nosa gaita, cren que é unha gaita como fóra de serie, porque é unha gaita de raíz". 
O ritmo non para e esta noite Pasarrúas e noite máxica, de novo retransmitida pola Televisión Francesa 3.


Xentes de todas as culturas encheron a carpa Galicia para disfrutar da foliada de Invernía

A familia herculino-costeira de Xacarandaina


Familia bergantiñá de Xacarandaina en Lorient

Unha representación importante da asociación desprazouse á cidade francesa de Lorient para participar no recoñecido festival intercéltico que este ano está dedicado a Galicia. Adrián Méndez de 19 anos é, xunto a Estevo Blanco (Caión), Lucía e Andrés Naya (Caión), Gabi Pérez (Malpica), Icía Varela (Cerqueda), Jenni Felpete (Carballo), Iria Rey (Carballo), Alba Freijeiro (Fornelos, Baio), Fran Trashorras (Camariñas), Tania Caamaño (O Rego), Mariña Ramos (Laracha) e Felipe Sar (Muxía), un do integrantes oriúndo da Costa da Morte que desde outubro do 2017 e, a través da motivación dunha amiga integrante tamén, forma parte da A. C. Xacarandaina.

Adrián, estudante de Xestión Industrial da Moda en Ferrol comezou a bailar aos once anos e, sen darse conta, esta actividade converteuse en algo moi importante na súa vida, tanto a nivel persoal como divulgativo. "Bailar converteuse nunha necesidade para soportar as dificultades que se me presentan no día a día" aclarou nun momento da entrevista.

Iso si, non lle serviu calquera baile senón que tivo que ser o baile dos seus avós e os seus bisavós, o que nace na terra cuxos pés pisa cada día e que lle fai sentir vivo e conectado coas súas raíces.
"A pesar de que existen moitos grupos fomentando os valores tradicionais da música galega, creo que, en xeral, a nosa cultura está pouco valorada por todos os que a formamos desde dentro. Os galegos son un tipo de persoa á que o sol lle ilumina a porta e di que non lles quenta. Este ingrediente é un verdadeiro problema para a conservación da nosa cultura e tradición" engadiu.

Adrián Méndez recoñeceu que non é fácil e supón unha gran responsabilidade chea de grandes doses de sacrificio e de emoción representar a Galicia no Festival Intercéltico de Lorient ou en calquera outra parte do mundo e que sente orgulloso de formar parte deste reto á que tantas horas de ensaio dedicoulle co resto dos seus compañeiros.
”É un luxo poder compartir, coñecer e gozar das diferentes culturas que este evento ofrece. Todos os pobos somos irmáns; simplemente temos diferentes respostas ás mesmas inquietudes. É unha gran riqueza cultural poder apreciar e valorar a diversidade e a similitude que existe e que nos fai verdadeiramente ricos e poderosos" declarou durante a súa estancia en Lorient.

Xacarandaina en Lorient-Foro-Alejandra Plaza

Novas relacionadas