Fina Paulos e Óscar Rey Calo lanzan outro libro sobre a aplicación da IA na aula
Xa son auténticas eminencias na materia. Pero como a intelixencia artificial vai evolucionando cada hora, sempre hai cousas novas que contar e actualizar. Así, tralo éxito rotundo de "Intelixencia Artificial para a sociedade", Fina Paulos e Óscar Rey Calo presentan agora "Inteligencia Artificial en el aula" [Editorial Garceta]: unha publicación esencial para transformar a educación.
A mestra oleirense, segunda mellor mestra de secundaria a nivel estatal, e o seu compañeiro cormelán no IES Maximino Romero de Lema de Baio, Óscar Rey Calo, lanzan esta "contribución imprescindible para unha implantación efectiva, ética e accesible da intelixencia artificial no ámbito educativo".
Apoio ao profesorado, cunha perspectiva ética
"Esta obra nace da firme convicción de que, para afrontar con éxito os retos do novo panorama tecnolóxico, é fundamental que o profesorado, o alumnado e mesmo as familias comprendan o que é a IA, as súas posibilidades e as súas implicacións", explican os autores.
"Nun momento no que a educación debe dar resposta a novos desafíos dixitais, este libro preséntase como unha ferramenta útil, clara e inspiradora para a comunidade educativa. Serve como ferramenta práctica para docentes e outros axentes educativos interesados en integrar a IA na aula, mantendo sempre como prioridade a calidade do ensino, a equidade e a atención á diversidade".
Con todo, este libro non só ofrece unha visión técnica e práctica, senón tamén "un enfoque humanista, que sitúa o benestar e o desenvolvemento integral do alumnado no centro da innovación".
Contidos destacados
Entre os contidos do libro destacan:
- Unha introdución aos fundamentos da Intelixencia Artificial, explicando o que é, as diferenzas coa intelixencia natural e conceptos clave como os axentes intelixentes ou a distinción entre IA forte e débil.
- As principais áreas da IA aplicadas á educación, como o aprendizaxe automático (supervisado, non supervisado e por reforzo), o aprendizaxe profundo e o procesamento da linguaxe natural.
- Unha reflexión profunda sobre a ética e a privacidade, imprescindible nun contexto educativo.
- A aplicación práctica da IA na aula: creación de contidos educativos, xeración de texto, imaxes e vídeo a través de ferramentas como ChatGPT, Gemini, DeepSeek, Microsoft Designer, Adobe Firefly, Runway Gen-2 ou Fliki.
- O uso da IA para avaliar, crear rúbricas, tutorizar alumnado e adaptar a aprendizaxe a diferentes necesidades.
- Un capítulo centrado no de proxectos educativos que integren a IA baseado na aprendizaxe por proxectos e orientados a ofrecer un servizo social, utilizando recursos como Canva e o seu “Magic Studio”.
- A creación e uso de chatbots educativos e outros recursos que poidan apoiar a docencia sen substituír o papel fundamental do profesorado.
- A importancia da IA na educación inclusiva, como ferramenta de apoio para garantir a igualdade de oportunidades.