Fina Paulos e Óscar Rey Calo democratizan o uso da IA en galego a través dun libro
- "Intelixencia Artificial para a sociedade": o primeiro libro divulgativo sobre IA en galego que democratiza o acceso a esta tecnoloxía.
Fina Paulos e Óscar Rey Calo protagonizan, dende a Costa da Morte, unha verdadeira revolución educativa baseada na honestidade, a innovación e o compromiso. A súa implantación da Intelixencia Artificial nas aulas do IES Maximino Romero de Lema permite conseguir unha motivación tremenda no alumnado, puidéndoos implicar así en obxectivos como a defensa da lingua galega ou a promoción da ciencia.
Despois de gañar premios por todo o estado polos traballos realizados polo seu alumnado, a mestra, natural de Bergondo e nominada á Mellor Docente de España, e o cormelán queren democratizar o acceso a esta tecnoloxía. E para iso veñen de publicar o libro "Intelixencia Artificial para a sociedade”, publicado da man da Ed. Medulia, que reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua galega e a difusión de coñecemento de calidade.
”Presentamos con orgullo esta unha obra pioneira que abre as portas do mundo da Intelixencia Artificial á cidadanía galega”, explican. “Este libro, escrito integramente en galego, busca democratizar o acceso ao coñecemento sobre unha das tecnoloxías máis revolucionarias do noso tempo”.
Inspirados pola necesidade de achegar a IA a todas as persoas, os autores estruturaron o libro para guiar o lector dende conceptos básicos ata aplicacións prácticas, sempre cun enfoque accesible e motivador. O seu compromiso non se limita ao ámbito técnico: tamén inclúe unha reflexión profunda sobre os desafíos éticos, sociais e legais que esta tecnoloxía implica.
Unha obra de referencia para a cidadanía e a educación
O libro combina capítulos teóricos que explican a evolución e as aplicacións da intelixencia artificial con actividades prácticas que permiten ao lector experimentar coas súas posibilidades.
Inclúe temas como:
• Ética e responsabilidade na IA • IA xerativa de texto, imaxes, son e chatbots • Aplicacións da IA na educación, sanidade, medio ambiente.Esta obra xurde dende o ámbito educativo, por iso é unha ferramenta útil para o profesorado e alumnado que desexe incorporar estas tecnoloxías nas súas aulas. Ao mesmo tempo, é unha guía práctica e comprensible para profesionais de diversos sectores e calquera persoa interesada en iniciarse na IA para o seu uso cotián.