Galicia estoupa por Palestina
Axítase Galicia cada vez máis co xenocidio palestino. O paso da Vuelta Ciclista e actuación represora das forzas da orde ante as protestas contra o equipo israelí que participa están provocando unha indignación máxima entre a veciñanza.
A Rede pola Palestina, formada por 50 entidades, animaban á veciñanza a participar en scratches no paso da Vuelta, así como promover o boicot a Carrefour, principal patrocinador do equipo Premier Tech. Despois das primeiras protestas e a represión policial, a Rede emitiu un comunicado no que lembran que “a participación israelita en competicións destas características son unha ferramenta de lavado de cara do rexime do Estado sionista coma ente de ocupación, apartheid e xenocidio”.
”No caso concreto do equipo Israel-Premier Tech, este está patrocinado e creado por Sylvan Adams, quen se define orgullosamente como sionista e financia aberta e sistematicamente iniciativas deportivas para mellorar a imaxe de Israel no exterior”. A Rede destaca que “a "Vuelta" topouse de fronte cun pobo solidario, digno e valente, que se manifestou de maneira pacífica contra o lavado de cara do rexime de Israel. Ao contrario que as accións do Estado sionista, as nosas protestas son non violentas, e están amparadas polo dereito internacional”.
Critican “a resposta das forzas represivas do Estado español, co seu actual goberno "máis progresista da historia" (PSOE-SUMAR) foi a represión: polo menos doce detencións en distintos puntos do percorrido, algunhas delas con uso evidente de violencia”. Aseguran que “a intervención policial provocou tamén a caída do ciclista Javier Romo cando un axente invadiu a estrada para deter a un manifestante. Ademais, producíronse cargas policiais nas inmediacións da meta en Monforte, convertendo unha protesta lexítima e pacífica nun escenario de represión inaceptable. Exiximos á Subdelegación de Goberno e a todas as institucións responsables a liberación sen cargos de todas as persoas detidas e o cese da represión de Estado contra os movementos de apoio á Palestina”.
Así e todo, aseguran que “as mobilizacións non rematan aquí. Está previsto que as protestas continúen nos vindeiros días, especialmente durante a etapa do martes 9 de setembro, entre Poio e Mos, onde colectivos solidarios coa Palestina xa anunciaron concentracións ao longo do percorrido. Os puntos previstos de mobilización son: 12:00 en Poio (rotonda da ponte da Barca); 12:00 en Pontevedra (rotonda Manuel de Palacio, paseo a Marín); 13:00 no cruce de Pierres, en Arcade; 13:30 no Alto da Groba; 14:15 en Tui (rotonda Rúa Ourense–Rúa Colón); 15:15 na rotonda da Ramallosa; e 16:30 no Alto de San Cosme, en Mos.
”Ante un xenocidio retransmitido en directo, non podemos ficar en silencio. Denunciar a participación de Israel-Premier Tech e o papel que cumpre é defender vidas humanas. Demandar que deixe de participar, é unha necesidade. O mundo do deporte non pode ignorar o xenocidio e debe ser quen de se negar a continuar a lavar a imaxe dun rexime colonial e de apartheid”, conclúe o comunicado.
Concentracións de luns
Así, a Coordenadora Galega de Solidariedade con Palestina ten convocadas novas mobilizacións de apoio ao pobo palestino en toda Galiza, a piques de cumprir dous anos de ofensiva xenocida e de limpeza étnica do Estado sionista de Israel.
Na Costa da Morte convócase concentración na Praza Castelao de Corcubión para o vindeiro luns 8 de setembro, ás 20:00h. Co apoio do BNG Costa da Morte.
O luns 22 de setembro repetirase convocatoria. E o 5 de outubro terá lugar unha manifestación nacional de apoio ao pobo palestino en Compostela. Sairá da Alameda ás 12:00h.