Unha nutrida presenza municipal da Costa da Morte pechou a súa presenza en FITUR

Comitiva da Costa da Morte en FITUR

Poucos concellos faltan a esta cita turística anual cada comezo de ano, facendo tremendamente numerosa a presenza da Costa da Morte na FITUR. Ademais da presentación da Mostra do Encaixe, da Vía Céltica e da presenza do Camiño, foi a patronal a que pechou a feira coa presentación do vídeo creado para esta campaña. 

O novo vídeo que promociona a Costa da Morte, que leva por título Costa da Morte, Destino Turístico Starlight, trata de sintetizar a esencia do xeodestino, un territorio que vende en FITUR 2024 os seus atractivos para ser visitado en calquera época do ano.

O presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Manuel Muíño, foi o encargado de presentalo no stand de Turismo de Galicia. 

 

 

 

“A Costa da Morte ofrece un turismo sostible de experiencias únicas”, destacou Manuel Muíño, quen considera que o xeodestino logra concentrar nun único territorio unha variada e atractiva oferta turística. “Ofrecemos unha gastronomía vinculada ao mar e tamén ao agro e á terra; temos un rico patrimonio con dolmens, castros; a nosa paisaxe ofrece costa e tamén interior...”. O presidente da CMAT, satisfeito coa presenza da Costa da Morte en Fitur e co interese dos visitantes en coñecer o xeodestino, considera que o turismo no territorio atópase “nun punto de madurez” no que é preciso “medrar ordenadamente” apostando tamén pola “desestacionalización”. Manuel Muíño, que lembrou que se están a esgotar os materias promocionais da Costa da Morte e as guías e mapas a disposición dos visitantes da feira, tamén destacou a calidade dos establecementos turísticos de todo o territorio. Expresou o seu agradecemento a todos os concellos e ao sector turístico local, en especial a APTCM, pola súa participación activa e apoio constante.

Oportunidade única

O pasado ano, tamén en FITUR, a Costa da Morte celebraba a súa certificación como o cuarto Destino Turístico Starlight de Galicia e o primeiro na provincia da Coruña. Manuel Muíño subliñou que “o astroturismo, una tendencia global en crecemento, presenta unha oportunidade única para a Costa da Morte”. E destacou “o interese por aproveitar este recurso turístico por parte de todos os axentes implicados, tanto do eido público como do privado”.

Pola súa banda, Pepe Formoso, secretario da CMAT e presidente da APTCM, falou, tras a presentación do vídeo Costa da Morte, Destino Starlight, da campaña Meses con R, aposta segura e presentou en primicia o libro de Xan Fernández Carrera Rutas turísticas pola Costa da Morte”. “Un xeodestino precisa ter bibliografía para que os visitantes poidan adentrarse neste espazo”, apuntou Pepe Formoso, quen destacou o valor da guía para quen queira coñecer o xeodestino a través de rutas en coche, a pé... O presidente de APTCM tamén lembrou que “FITUR supón un paso imprescindible para consolidar a Costa da Morte como un dos destinos turísticos máis completos; a nosa rica herdanza cultural e natural, a nosa gastronomía e artesanía, ofrecen unha experiencia total para os visitantes; seguir neste camiño, valida os nosos esforzos e apunta a un futuro prometedor para o noso destino".

Pola súa banda, o vogal da CMAT e secretario de APTCM, Damián Álvarez Tajes, acompañado dunha profesional de márketing en representación da CMAT, participou en reunións de traballo con máis de vinte axencias e turoperadores de todo o mundo, presentando o destino Costa da Morte e obsequiándoos cun lapis de memoria co novo vídeo promocional e as edicións do mapa e da guía acabadas de publicar. “O interese pola Costa da Morte por parte dos profesionais do turismo medra cada ano”, destacou Damián Álvarez Tajes.

Reunión coa directora de Paradores

O secretario da CMAT e presidente de APTCM, Pepe Formoso, xunto con Damián Álvarez Tajes, mantiveron un encontro en FITUR onte xoves coa directora de Paradores, Raquel Sánchez. Propuxéronlle que o Parador da Costa da Morte, localizado en Muxía, reduza o tempo no que está pechado durante a tempadada baixa, co obxectivo de impulsar a desestacionalización e apoiar a creación de destino. Raquel Sánchez foi receptiva, como tamén o foi ante a posibilidade de que Paradores, unha entidade de capital público, apoie “un cambio de paradigma”, tal e como destaca Pepe Formoso. En que consistiría? Os representantes da CMAT e APTCM plantexáronlle á directora que Paradores, tal e como se ofrece aos seus hóspedes a oferta gastronómica dos restaurantes do xeodestino e as actividades de turismo activo, tamén poida ofrecer aloxamentos alternativos de calidade na Costa da Morte. Pepe Formoso pon un exemplo: “Cando chaman a Paradores solicitando unha reserva no Parador de Muxía e o establecemento está cheo ou pechado; desde Paradores ofrecen unha alternativa noutro Parador doutro lugar; o que pretendemos é que poidan ofrecer e suxerir a opción dun establecemento hoteleiro da Costa da Morte”. Porque, na súa opinión, “así é como se crea destino”, destaca secretario da CMAT, quen salienta que esta filosofía “está no ADN de Paradores”. Ao seu xuízo, “a colaboración, a unión entre todos os actores do sector turístico é fundamental”.

 

Tamén onte xoves, Manuel Muíño recolleu, no nome da CMAT, o Premio SICTED, un recoñecemento aos destinos certificados este ano coa distinción da Secretaría de Estado de Turismo, o Sistema de Calidade Turística en Destino.

Máis novas da FITUR