Polbo e nécoras ovad@s: Os profesionais da nasa lamentan a nefasta xestión das vedas por parte da Xunta

Santiaguiños, nécoras e polbo ovados capturados estes días no mar da ría de Muros

Van moitos anos de loita do sector da pesca artesanal, concretamente no sector do polbo, por unhas vedas máis prolongadas adaptadas á sustentabilidade e ao mantemendo dun recurso que dá moitos postos de traballo en Galicia e na Costa da Morte. Pero a realidade é que a veda do polbo segue a ser de apenas un mes, e ademais adaptadada para coincidir coa temporada estival cando a demanda hostaleira é maior, no canto de pensar nos ciclos biolóxicos do animal.

A realidade é que dende a reapertura do polbo, o pasado 1 de xullo, o polbo escasea. “Non somos capaces de coller 20 kg de polbo”, explica un mariñeiros muradán. Por exemplo, un día de lonxa apenas se subastaron 25gk de polbo entre toda a flota.

Ademais de esquivo, o polbo está ovado (non tivo tempo a desovar) nesta época do ano, como lle acontece a outras especies que tamén abren agora, como os santiaguiños ou as nécoras.

Ante esta realidade, repetida nos últimos anos, Confrarías como Fisterra, Muros, Lira… Os profesionais da nasa lamentan o esquecemento da Consellería de Mar ás súas peticións, pois levan máis de 15 anos pedindo unha veda máis completa, de entre 2,5 e 3 meses. Unha veda máis parecida a que fan en Asturias (5 meses) ou Andalucía (3 meses), orientadas ademais ao desove e ao equilibrio ecolóxico, é dicir, na estabilidade do recurso para manter viva a flota.
A coxestión que practican zonas como Cataluña parécelles mesmo unha utopía.

E iso que, cómpre lembrar, as vedas son costeadas polo propio sector, que non pode traballar o seu produto principal pero ten que seguir costeando as cotas, etc…

Dase a circunstancia, coma sempre acontece no mar, que non todas as vontades reman na mesma dirección. É certo que parte do sector da pesca prefire curtos periodos de veda. Barcos que traballan varias especies e que aproveitan o polbo como comodín, prefiren telo aberto todo o ano para ir cando non teñen outros recursos.

En todo caso, o sector lembra que a xestión das vedas é 100% da responsabilidade da Xunta de Galicia e lamentan que as políticas dos últimos anos vaian máis encamiñadas á derrocar o sector que a axudalo a sobrevivir, e a manter milleiros de postos de traballo e unha forma de vivir do noso país.

Artigos sobre o polbo