Luns. 18.11.2019
El tiempo

Calafateando: A veda do polbo: necesaria… pero suficiente?

Calafateando: A veda do polbo: necesaria… pero suficiente?
Hoxe arrincamos unha nova sección en QPC, achegándonos ao noso mar. Facémolo dende Carnota, dende onde os nosos amigos de Fresco y del mar nos aportarán contidos ben interesantes. Facémolo ademais Calafateando, isto é tapando fugas para seguir navegando con seguridade. Arrincamos singradura cun tema sempre polémico, sempre mirando polo coidado do noso mar, dos nosos recursos, e visto dende a propia proa do barco. O caso é que moitas confrarías defenden un maior período de veda para o polbo. tras descubrir que unha porcentaxe importante dos polbos capturados aínda están ovados. Que rumbo cómpre tomar?  

Calafateando: A veda do polbo: necesaria… pero suficiente?

O pasado 4 de xullo abriuse a veda do polbo no litoral galego, despois dun período de inactividade de 45 días. Como xa resulta tradicional a polémica en torno a dito período de veda sempre está servida, e este ano non foi unha excepción. Nos primeros días de actividade con nasas de polbo as máis de 1.200 embarcacións habilitadas mediante permiso de explotación para a captura deste apreciado cefálopodo puderon completar con relativa facilidade os topes de captura establecidos (35 kilos por embarcación e 35 kilos por tripulante enrolado e abordo).

Veda do Polbo. Resultou suficiente?

Ata aquí todo correcto, pero durante estes días parte do sector dedicado á captura de polbo con nasa volvían incidir na importancia de prolongar o período de veda, cando menos un mes máis, xa que, segundo púidose comprobar nos primeiros días de actividade, unha alta porcentaxe de polbo capturado (un 70% segundo apuntaban fontes dos propios *naseiros) aínda non habían *desovado, tal e como se aprecia na fotografía que ilustra este post. Pulpo ovado Pulpo ovado en plena apertura da veda Precisamente este é un dos argumentos esgrimidos por aquelas confrarías, como Fisterra, Lira, Muros ou Cedeira que ano tras ano veñen defendendo que a veda do polbo, é totalmente insuficiente e non responde a criterios biolóxicos ou científicos senón que se conclúe con fixar unha parada na que normalmente se tentan recoller as distintas sensibilidades ou formulacións do sector, nun proceso que, aínda que acostuma a ser dialogado, en ningún caso resulta consensuado, ante a enorme dificultade para unificar posturas.

Veda do Polbo. Diferentes posturas

As diferentes posturas das confrarías son as seguintes:
  • Os que consideran que o período mínimo da veda do polbo tería que ser mínimo de tres meses, ou que se aproximase o máximo posible á veda tradicional que antigamente se establecía de maio a setembro.
  • Outras confrarías son da opinión de que cun mes sería dabondo, e podería ser maior si se facilitase algún tipo de compensación económica por esa inactividade (paro biolóxico subvencionado) e así poder paralizar totalmente a actividade pesqueira, para non prexudicar durante a parada a aquela frota que durante todo o ano dedícase á pesca con enmalle.
  • E mesmo hai quen di que a veda non sería necesaria se se prohibise a pesca daquelas artes de pesca máis destrutivas, como pode ser o arrastre, culpable en boa medida da situación actual do recurso, segundo argumentan.
O certo é que a decisión que vén adoptando a Consellería do Mar nos últimos anos, ao respeito da veda do polbo, sempre resulta salomónica, e a "politicamente menos comprometida ou arriscada”, deixando de lado os criterios biolóxicos ou recomendacións científicas e o propio coñecemento ecolóxico tradicional dos pescadores, cós graves prexuízos que iso pode ter para a sustentabilidade do recurso. A principios do ano 2015 celebrouse en Santiago un Foro Internacional sobre o Polbo organizado por WWF e *GAP2 onde participaron 70 expertos de Galicia, Asturias e Norte de Portugal que debateron sobre a situación da pesqueira do polbo, problemas e retos de futuro, e onde participaron pescadores, biólogos/científicos, representantes de Ong *medioambientalistas e representantes da administración.

Medidas para mellorala xestión da pesca do polbo

Neste importante foro xa se abordou amplamente este tema e onde se expuxeron unha serie de medidas que poderían mellorar considerablemente a xestión deste recurso:
  • Aumento do período de veda do polbo.
  • Aumento das tallas mínimas.
  • Deseñar sistemas de xestión máis proactivos baseados en criterios científicos e na coxestión.
  • Identificar e protexer áreas importantes para o ciclo biolóxico do polbo.
  • Fomentar o uso de tecnoloxías sinxelas para recoller información, incorporando o Coñecemento Ecolóxico Tradicional.
  • Crear un marco plurianual para a pesca do polbo na rexión, asociado a unha xestión máis local e adaptada á realidade da frota.
  • Incorporar elementos para controlar, avaliar e facer seguimento dese plan, con foros que incorporen a todos os sectores interesados (sectores pesqueiros, administración, científicos e sociedade civil)
  • Mellorar a avaliación biolóxica do recurso.
Nos próximos días, con toda seguridade, xa non será tan sinxelo conseguir os topes de captura establecidos, e nese momento, volverán os queixumes e reproches mutuos, facendo valer cada un a súa teoría e a preocupación xeneralizada para os miles de mariñeiros que actualmente teñen como principal actividade a nasa do polbo. Mentres tanto volverase a perder, unha vez mais, a oportunidade de sentar, dunha vez por todas, as bases para garantir a sustentabilidade dun recurso que resulta tan importante para a economía de boa parte da frota pesqueira artesanal de Galicia.  

Novas do mar

Fonte

Comentarios