Profesionais e familias únense nas concentracións dos mércores nos Centros de Saúde
Parece claro que a sanidade pública está na UCI. Cas ambulancias en folga e manifestación, as mobilizacións son continuas por parte de toda a comunidade. Os profesionais xa levan varios mércores facendo un paro ás portas dos Centros de Saúde, mentres, de xeito paralelo, as familias da Costa da Morte veñen denunciando os continuos recortes no servizo de pediatría.
Dúas partes que parten dunha mesma indignación, ante a eterna falta de recursos que sofre a sanidade pública. De aí que lugares como Muxía compartan loita. Este mércores as familias de Muxía, e tamén de Dumbría, afectadas polos recortes no servizo de pediatría uníronse á reivindicación dos nédicos e persoal do propio Centro de Saúde, para facer un altavoz máis grande para as esixencias de "Sí a unha Atención Primaria Digna" e "Coa saúde dos nenos non se xoga, Pediatra Xa".
Cómpre apuntar ademais que son dous problemas absolutamente solapados, pois a carencia de pediatras nuns lugares, provoca o colapso doutrous centros, e ademais pode chegar a obrigar aos médicos de cabeceira a atender ás criaturas, facendo aínda máis complicada a súa labor diaria, xa de por si saturada.
Unhas concentracións que se seguirán repetindo en vindeiras semanas, como acontece no Centro de Saúde de Carballo.
Concentración de familiares e profesionais no Centro de Saúde de Muxía-Foto- Plácido Trillo
Concentración no Centro de Saúde de Carballo
Outras novas do sistema sanitario
- Febreiro 19: Días de gran tensión arredor da folga das Ambulancias.
- Febreiro 18: Aurelio Núñez tampouco aporta solucións ao problema cos pediatras.
- As mobilizacións pola sanidade pública trasládanse aos Centros de Saúde.