QPC, Premio PEL da Deputación pola Traxectoria Empresarial

Ubaldo Cerqueiro recollendo a mans de Xosé Regueira o Premio PEL da Deputacion

Todo un Premio PEL da Deputación vén de recoller o diario Quepasanacosta á Traxectoria Empresarial. O ente provincial quixo recoñecer con este Premio os case 20 anos de vertebración da Costa da Morte a través da rede. O xurado puxo en valor o seu papel na vertebración informativa dun territorio de 19 concellos e a súa aposta polo xornalismo hiperlocal en galego como motor de identidade, cohesión, participación cidadá e dinamización social e rural. 

Foi Ubaldo Cerqueiro o que recolleu o premio a mans do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que levou unha boa alegría (os premios non se saben ata o propio momento da entrega) por entregarllo a un proxecto que coñece, e que apoiou, dende hai moito anos.

 

Se ben o resto de premios marcharon para zonas como Ferrolterra, a Barbanza, ou a área hercullina, douse a circunstancia ademais accésit nesta categoría quedou tamén na nosa comarac para Chévere Producciones, empresa liracha/santiaguesa de produción e exhibición de artes escénicas e de xestión cultural que iniciou a súa actividade en 1987 e que en 2027 cumprirá 40 anos de traxectoria. O xurado recoñeceu a súa excelencia artística, o seu compromiso social, a súa innovación narrativa e a súa contribución á cultura galega. Chévere recibiu en 2014 o Premio Nacional de Teatro.

Chevere Teatro recibindo do PEL da Deputación

145 proxectos

A Gala coa que a Deputación da Coruña recoñece o talento, a innovación, a capacidade de xerar emprego e o compromiso co territorio das empresas, autónomos e iniciativas emprendedoras da provincia. celebrouse no imponente Coruña Estudio Inmersivo (CEI), na Cidade das TIC, und dos 3 mellores de todo o mundo.

Nesta oitava edición dos Premios PEL bateu récord de participación, cun total de 145 candidaturas presentadas. Os galardóns están dotados con 80.000 euros e recoñecen proxectos empresariais pola súa idea de negocio, impacto no territorio, innovación, responsabilidade social, capacidade de transformación económica e social e contribución á creación de emprego.

Valentín González Formoso no imponente CEI

Empresas e iniciativas premiadas

Na categoría de Mellor Iniciativa Emprendedora, o premio foi para Nubeiro Labs, empresa galega con sede en Cabanas e centro de traballo en Pontedeume, fundada polos enxeñeiros industriais Carlos García Sotelo e Sara López Castro tras o seu retorno a Galicia.
O accésit de Mellor Iniciativa Emprendedora recaeu en Ana María de Aspe Doldán, polo seu proxecto empresarial La Tribu Verde, unha consultora con sede en Oleiros especializada en sustentabilidade aplicada ao sector audiovisual e cultural.

Na categoría de Mellor Iniciativa de Territorio Sostible, o premio foi para Enzicas Bio, microempresa biotecnolóxica radicada en Santiago de Compostela e especializada no desenvolvemento de ingredientes naturais con capacidade enzimática para a industria alimentaria. A compañía traballa coa valorización de materias primas locais, especialmente a castaña galega, incluídas pezas de descarte, para xerar novos produtos de alto valor engadido.
O accésit desta categoría recaeu en Cynthia Arias Ramil, polo proxecto Bieiteiras, unha iniciativa de produción agroecolóxica baseada na recuperación do patrimonio rural familiar, a soberanía alimentaria, o relevo xeracional e a modernización do sector primario. O xurado destacou a súa capacidade para conectar innovación agraria, igualdade, biodiversidade e compromiso co territorio desde o rural galego.

Na categoría de Mellor Iniciativa Empresarial Singular, o premio foi para Francisco José Millán Valiño, polo proxecto Frouma Atlantic Wood, obradoiro artesán con sede en Ribeira que recupera madeira procedente das bateas de cultivo de mexillón das rías galegas para transformala en mobiliario e obra artística de autoría singular.
O accésit de Mellor Iniciativa Empresarial Singular foi para José Manuel Salvado Sanín, polo proxecto Sanín Percusión Tradicional, obradoiro artesán situado en Lavacolla, no concello de Santiago de Compostela, dedicado desde 1990 ao deseño, fabricación, investigación, reparación e divulgación de instrumentos de percusión tradicional galega. 

Premios especiais

A Mención Honorífica do Xurado á Mellor Iniciativa Transformadora do Rural foi para Queizuar, queixería fundada en 1997 na aldea de Bama, no concello de Touro, dedicada á elaboración de queixos tradicionais galegos con Denominación de Orixe Protexida.

A gala incluíu tamén un recoñecemento especial ao xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz Ferrol Isidoro Valerio, pola súa traxectoria profesional de máis de catro décadas vinculada principalmente á radio.

Foto de familia dos premiados