Os recortes que sofren 7 centros escolares da Costa da Morte sen axuliares e con vacantes cubertas só a media xornada

Imaxe da concentracion do CEIP Vila de Cee da semana pasada

Cada comezo de curso volve ser unha batalla contra os recortes para as comunidades educativas de todo o país. E a comarca non é allea aos recortes no ensino, como vimos comprobando coas loitas sociais que están desenvolvendo as familias de dous centros de Cee ante a falta de de apoios ao alumnado con necesidades. Pero é que o CEIP Vila de Cee e IES Agra das Raíces só son dous dos 7, como mínimo, centros da comarca que están sufrindo o recorte de profesionais que está realizando a Consellería neste comezo de curso, cubrindo prazas vacantes con profesionais a media xornada (ata 45 só na provincia da Coruña).

Esta redución xeralizada de profesorado na maioría das etapas educativas é denunciada pola CIG, que ten relatado tamén problemas en outros 6 centros da comarca: o CEIP dos Muíños (Muxía), o CEIP de Bormoio-Agualda (Coristanco), o CEIP Milladoiro (Malpica), CEIP As Forcadas (Corme), CEIP Joaquín Rodríguez Otero (Buño).

En todos estes centros a CIG detecou recortes de especialistas en Audición e Linguaxe (AL) e en Pedagoxía Terapéutica (PT), ou ben a obrigatoriedade de compartilos con outros centros próximos. O que antes eran recursos propios agora convértense en recursos itinerantes, deteriorando gravemente a atención ao alumnado con necesidades educativas específicas.

Tamén o CEIP Cabo de Area (Laxe) vive esta situación en primeira persoa e malia levar coa vacante ofertada dende o 3 de setembro, non será ata este xoves cando se incorpore un titor para poder desdobrar un grupo. Un mestre de primaria que, de novo, chega sí a media xornada.

Manifestación en Copostela

Se ben este sábado houbo concentración en Compostela, algo apagada pola do domingo polos lumes, o sindicato maioritario no ensino público fai un chamamento a todo o profesorado a secundar masivamente a folga xeral convocada para o vindeiro 25 de setembro, “como resposta colectiva e contundente fronte a unhas políticas que poñen en risco o dereito á unha educación de calidade para todo o alumnado”. Haberá unha marcha ás 12:00h por Compostela (de Cervantes á Consellería de Educación).