A APTCM cambia a directiva e centra a súa acción na posta en marcha do CMAT

Tivo lugar este pasado luns a Asemblea da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM). Despois dun ano sen apenas actividade, moitos empresarios non acodiron, pero o quorum foi suficiente para levar a cabo a orde do día.

O primeiro punto era a renovación da directiva, incluída a da presidencia, despois da renuncia de Manuel Pan a continuar, tras varios anos de mandato. O novo presidente xa é o ceense Pablo Canosa Quintáns, de As Eiras (Lires) que estará acompañado por outros membros da directiva como son os responsables da mazaricá Casa Jurjo e das fisterrás e Mar da Ardora e Cabo da Vila.

APTCM - CMAT

A nova diretiva terá como obxectivo único é a posta en marcha do Consorcio, o chamado Costa da Morte Asociación Turística (CMAT). I é que partimos dunha situación na Costa da Morte anómala, pois non é normal que unha asociación empresarial faga o traballo de organización do destino. Ese ente, o que veñen sendo os Consorcios, teñen que ser entes público-privados, mentres que as entidades privadas, como APTCM, deben formar parte dese Consorcio, representando á patronal, traballando cos técnicos e facendo o traballo dunha asociación empresarial.
De feito, o sector privado ten que pagar un 10% do Consorcio, neste caso por agora só APTCM pero se entra a Neria se repartirían esa cota.

Así, a día de hoxe, só 4 concellos confirmaron a súa presencia (Laracha, Fisterra, Zas e Cee), e parece que Cabana xa está en marcha. Pero parece evidente que un Consorcio non se pode poñer en marcha con só 5 concellos, polo que o traballo da nova directiva é facer que o resto de Concellos tomen parte do CMAT. É dicir, poñer a andar o CMAT.

Cuestión de burocracia parece que será, esperando que todos os Concellos se unan pola creación do interlocutor único do sector turístico da Costa da Morte coa Xunta.

Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).