Venres. 26.04.2024
El tiempo

Presentado o ente turístico que xestionará o xeodestino Costa da Morte

Presentado o ente turístico que xestionará o xeodestino Costa da Morte
Ricardo Darriba Zaira Rodriguez e Manuel Pan presentando o CMAT aos alcaldes-Foto-Anabel Pineiro

Xa é oficial. A entidade Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) foi presentada este pasado venres. Nace para ser o interlocutor único do sector turístico coas administracións, englobando á APTCM, e aos 17 concellos que integran as bisbarras de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra, ademais de Mazaricos e Carnota. E ademais xestionará e promocionará o xeodestino Costa da Morte.

O novo ente terá como socios aos concellos de Costa da Morte e APTCM, podendo sumarse aquelas entidades que coincidan no seu ámbito de actuación co xeodestino Costa da Morte. A cota de cada concello será baremada en función da poboación e do número de prazas hoteleiras. O concello que máis pagará será Carballo, sobre uns 6.000 euros, e o que menos, Mazaricos, sobre 1.200 euros.

O presidente de APTCM, Manuel Pan, sinalou que a razón do novo ente estriba en que, "tanto Xunta como Deputación, decidiron que colaborarán cos colectivos que sirvan de coordinadores público - privados dos xeodestinos establecidos por Turismo de Galicia". Entre os obxectivos de CMAT están "a coordinación a nivel turístico das actuacións das distintas administracións, a creación dun produto turístico, mellorar a recepción ó visitante e promover o destino Costa da Morte".

A deputada Zaira Rodríguez, en representación da Deputación de A Coruña e unha das cupables da creación deste ente, asegurou que “esta é a fórmula de xestión axeitada do noso xeodestino”. Reiterou o apoio á nova asociación desde o ente provincial, “tanto económico como técnico”. Tras agradecer o traballo desenvolvido durante estes anos por APTCM, Rodríguez Pérez quixo deixar patente o apoio da Deputación ós proxectos que presente CMAT.

A entidade conta ademais cun dos empresarios máis comprometidos do sector na bisbarra. O secretario da APTCM Ricardo Darriba declarou a interese do sector neste proxecto e que "a Costa da Morte está medrando ano a ano en turismo e que nos temos que organizar porque todos os indicadores apuntan a que nuns anos a Costa da Morte sexa un dos destinos principias de Galicia".

Ademais, ó acto de presentación acudiron alcaldes e tenentes de alcalde de A Laracha, Cee, Malpica de Bergantiños, Fisterra, Vimianzo, Zas, Cabana de Bergantiños e Ponteceso. Desculparon a súa ausencia, por motivos de axenda, os rexedores de Carballo, Mazaricos e Corcubión. Así mesmo, o alcalde de Muxía, Félix Porto, desculpouse por estar ocupado ca catástrofe do santuario da Barca, se ben quixo deixar claro que o seu Concello participará no proxecto.

Novas relacionadas

Máis novas

Fonte

  • Nota de prensa de APTCM.

Comentarios