A emoción foi a protagonista na #GalaXalleiros 2015

Santa Comba acolleu este pasado venres 20 de febreiro unha nova edición de Gala Xalleiros 2'15. Unha Gala que servíu para premiar e recordar 5 historias que fan máis forte o amor por Santa Comba, e que fai máis comunidade.

O acto foi presentado polo cantante local Fran Allo, e contouse coa participación do televisivo humorista Isi, das intérpretes Alba Caamaño e Araceli, dos profesores da escola municipal de música moderna, dos alumnos da escola municipal de música e baile tradicional, que actuarán en breve no programa Luar da TVG, e das parellas de baile de salón formadas por Brais e Noa Otero, e por Basilio e Érika Lois.

Toda unha festa de índole local, o ideal para encher o Auditorio do Edificio Multiusos.


O primeiro dos premios en entregarse foi o Premio “Cultura”, para Francisco Rodríguez “Paco do Garrote” a Título póstumo. Entregou o recoñecido músico José Amigo e recolleu o fillo do homenaxeado, Francisco Rodríguez.
Paco do Garrote foi un dos integrantes da 1ª Banda de música de Santa Comba, nos albores dos anos 50. Logo foi fundador de varias orquestras, e xa nos anos 80 foi mestre e impulsor da nova creación da Banda xalleira, formada na súa totalidade por xóvenes da localidade ós que él mesmo daba clases, xunto co mestre Xosé España.

De Cultura a ”Deporte”, un premio que tiña que recaer nunha familia de deportistas, a Familia Ramos Rey. Foi o Concelleiro de deportes José Pose Pazos o que entrehou o premio e recolleron Arturo, Dolores e Turi (Familia Ramos Rey).
O iniciador da saga é Arturo Ramos Ferrol, que pasada xa a treintena introduciuse no mundo do atletismo primeiro e do triatlón despois. Con resultados notables a nivel autonómico nos últimos anos, superou o reto persoal e deportivo de rematar o Triatlón Ironman Triman nas Pontes de García Rodríguez.
A súa dona Dolores Rey comezou no mundo do atletismo para acompañar ó seu marido e o seu fillo pequeno, e agora é campeona galega da súa categoría.
O pequeno Turi (Arturo Ramos Rey), iniciouse desde os 5 anos nas carreiras pedrestes da súa idade, e xa na etapa infantil e cadete ten varios entorchados galegos en carreiras de fondo, Duatlón e triatlón. Nuns días participará nos campionatos de españa de atletismo en pista cuberta, e no nacional de cross.

E precisamente un deportista levou o Premio “Valores humanos na emigración”. A nai e a irmá de Martín Amarelle García, María del Carmen García e Nuria Amarelle, recolleron o premio que entregou o concelleiro de emigración, Juan Carlos Landeira Castro.
Martín Amarelle realiza na actualidade diversas tarefas con nenos con grades discapacidades e autismo en Londres. O seu traballo foi recoñecido incluso polo goberno británico nunha recepción por parte do primeiro ministro David Cameron. No 2014 correu e rematou nun posto salientable na súa categoría a Maratón de Londres, cunha finalidade benéfica para recadar fondos para os nenos con discapacidade que atende. No 2015 participará no ironman Triman para recadar fondo para a investigación contra o Cancro.

Houbo espazo para a música homenaxeando co Premio “Toda unha vida na música” a Perfecto Pereira Barcia, que recolleu a estatuilla da man da a concelleira de Xuventude, Raquel Grille Boga.
"Pereiriña”, como era conocido na súa etapa de músico e cantante, foi un autodidacta que triunfou en diversas orquestas durante 3 décadas, ó longo da xeografía galega, e incluso viaxando coas súas formacións ás festas galegas en Suiza.

E a concelleira de servizos sociais, Flora Calo Blanco, fixo entrega do Premio “Labor social” ás Monxas de Bazar, unhas mulleres que dende fai 37 anos, compatibilizan a súa labor pastoral coa dinamización socio-cultural e asociativa da parroquia xalleira de Bazar. Co seu traballo fixéronse multitudinarios campamentos, cursos de diversa indole e xurdíu a Asociación de veciños parroquial.

Foi a alcaldesa de Santa Comba, María Pose, a encargada de pechar a sesión cun emotivo discurso agradecendo a gran labor de todos estes persoeiros que fan máis grande a Terra do Xallas.

Poden ver unha completa galería fotográfica da OMIC de Santa Comba, e aquí tendes a Gala completa:


Novas relacionadas

Fonte

  • Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).